A Concellería de Urbanismo reactiva o antigo Foro da Edificación, sen actividade desde 2011, co fin de establecer novos parámetros de actuación no plan urbanístico da cidade
A Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible constituíuse está mañá en María Pita baixo a presidencia da alcaldesa, Inés Rey, que destacou “a importancia que o desenvolvemento urbanístico terá na xeración de novos empregos”. Trátase, explicou, de reactivar o antigo Foro da Edificación Coruña, sen actividade desde 2011, co obxectivo de establecer novos parámetros de actuación no plan urbano e urbanístico que permitan reactivar a economía e a creación de emprego.
A intención do Concello, explicou Juan Díaz Villoslada, é a de abrir un diálogo cos axentes públicos e privados que interveñen no desenvolvemento urbanístico da cidade tanto no ámbito do plan urbanístico, como de xestión do solo e de rehabilitación de vivendas. “A mesa constitúese como un foro permanente de traballo para coñecer as demandas dos operadores e transmitirlles cales son os principais intereses do concello no desenvolvemento urbanístico, entre eles garantir a máxima seguridade xurídica aos proxectos inmobiliarios.
Villoslada apuntou a rehabilitación de vivendas (xeran o dobre de postos de traballo que a obra nova) como unha das prioridades do Goberno local así como o desenvolvemento urbano de calidade e o impulso aos plans urbanísticos pendentes no PXOM de 2103. “Hai moitas normas zonais e parámetros que queremos definir para que exista un marco de garantías xurídicas á hora de presentar proxectos para a obtención de licenzas e abordar procesos de compensación e de construción dos novos polígonos”, explicou o edil, que
apuntou á indefinición nos parámetros como causa da paralización de obras en especial no ámbito Pepri da Cidade Vella.
Tamén sinalou a necesidade de impulsar polígonos na cidade sen ocupar novos espazos e relanzar a promoción de vivenda pública co compromiso do Goberno autonómico. “Estamos pendentes de licitar a segunda fase do Parque Ofimático e outros ámbitos como o de San Pedro de Visma que teñen que seguir avanzando”, explicou.
É necesario, lembrou, levar a cabo políticas para construír “unha cidade compacta”, con actuacións que faciliten a posta en marcha dun parque de vivenda pública que lle garanta o acceso á vivenda á mocidade e evite que se disparen os prezos.
A mesa, dixo Villoslada, manterá a mesma composición do antigo foro (Concello, Aproinco, Apecco, Colexio de Arquitectos e Colexio de Aparelladores) pero “sen descartar novas incorporacións como a do Colexio de Enxeñeiros Industriais e de Camiños”.
Na reunión, acordouse realizar sesións técnicas sobre temas concretos periodicamente á que acudirán por parte do concello os servizos municipais implicados nos devanditos temas, e unha sesión informativa semestral na que estarán todos os membros da mesa e os servizos municipais da Concellería de Urbanismo, Vivenda Infraestruturas e Mobilidade ao completo. A primeira das sesións técnicas será no mes de xaneiro.
Doutra banda, durante a constitución da Mesa, a alcaldesa, Inés Rey, felicitou os membros dos servizos da concellería así como o funcionariado polo seu traballo e dedicación, o que permitiu axilizar os trámites na concesión de licenzas, e expresoulles “a súa total confianza neles”.
Na mesa, ademais da alcaldesa, o edil de Urbanismo, os directores das áreas e xefes dos servizos, estiveron presentes Angel Jove Albores e Juan Jose Yañez, representantes de APROINCO; Diego Vazquez Reino, Miguel Garcia Eiroa e Victor Gonzalez Jove de APECCO. Tamén Roberto Medin do Colexio de Aparelladores e Julia Alvarez do Colexio de Arquitectos