Monday 25 de November de 2024

A campaña “En negro contra as violencias” suma xa 138 concellos e tres deputacións


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, participaron en Lugo no acto de sinatura do convenio de colaboración entre concellos “En negro contra as violencias”, dentro dos actos con motivo do 25N, Día internacional contra a violencia de xénero. A campaña chega este ano a 138 concellos e tres deputacións provinciais.

Ao acto celebrado esta mañá no Vello Cárcere de Lugo asistiron alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de bo parte dos concellos asinantes e das tres deputacións participantes, as da Coruña, Pontevedra e Lugo. O primeiro rexedor en intervir foi o compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, quen valorou o feito de que unha campaña “nacida para un só ano e para un só municipio, Santiago, se acabara estendendo a 138 municipios e tres deputacións”.

“Oxalá un día un día non sexa necesaria esta campaña, pero moito me temo que aínda queda moito camiño por percorrer”, apuntou Sánchez Bugallo, que expresou a súa especial preocupación por “como crece a violencia de xénero entre os máis novos”. Por iso, dixo, “resulta acertada a idea de centrar os actos deste ano do 25N na educación e nos máis novos”. Con todo, expresou a súa satisfacción polos “avances enormes” producidos, polo “reforzo do papel da muller” e ante o feito de que a muller “cada vez asume máis responsabilidades e ten máis seguridade en si mesma.

No acto, presentado pola tenenta de alcaldesa da Área de Cohesión Social do Concello de Lugo, Ana María González, tamén tomaron a palabra o alcaldes de Coristanco, Juan Carlos García; a alcaldesa de Vilalba, Alba Veleiro; a concelleira de Igualdade de Sada, Isabel Reimúndez; a concelleira de Igualdade de Teo, Iria Otero; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Protocolo
No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas”.

Tamén se asume como meta “a promoción da transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbito”. Finalmente, os asinantes comprométense a “identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais”.

Para cumprir estes obxectivos, os concellos e as deputacións promoverá “a implicación dos axentes sociais e económicos municipais para tinguir de negro o rural, as vilas e as cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte”. O protocolo tamén supón a difusión da campaña a través de diferentes materiais e das redes sociais e a cesión de espazos para a distribución de material informativo.