Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia un programa educativo para concienciar a 6.000 escolares de Ferrolterra da importancia de loitar contra a Violencia de Xénero


Este plan recolle a organización de unidades didácticas nos 20 centros participantes e a lectura dun manifesto o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu á presentación das I Xornadas Escolares de Ferrolterra pola Eliminación da Violencia de Xénero, organizadas pola Federación de Anpas de Ferrol e comarca “Concepción Arenal” (Fanpa), financiadas con 7.000 euros pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e que contarán coa participación de máis de 6.000 escolares da comarca.

O programa consiste nunha acción educativa e simbólica que está tendendo pontes entre os 11 concellos da comarca nestes días previos ao do Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro. Ovidio Rodeiro destacou que “con as actividades organizadas nos centros ao longo desta semana buscamos sensibilizar, previr e axudar a identificar a violencia de xénero”.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que “unha das claves para loitar contra esta lacra é facilitarlles aos máis novos toda a información, indicarlles que é a violencia de xénero, que facer se son vítimas ou testemuñas desa situación e amosarlles modelos sen mitos e dende unha posición de igualdade”.
Por iso, a proposta que está levando a cabo a Fanpa Ferrol consistirá na lectura dun manifesto o 25 de novembro e entrega dun recoñecemento a todos os centros participantes na organización de unidades didácticas formativas, que se desenvolveron esta semana, para mellorar o nivel de coñecemento e concienciación sobre o problema da violencia contra as mulleres e nenas en todo o mundo en 20 colexios da comarca, nas aulas dos rapaces entre os 3 e os 16 anos.
Ovidio Rodeiro finalizou destacan que “a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria, e máxima coordinación, colaboración e cooperación, por iso programas coma estes son moi importantes para acadar este obxectivo”. Ademais, finalizou que temos que seguir nesta liña porque “agora é o momento crucial para impulsar definitivamente a construción dunha sociedade libre de violencia sobre as mulleres. Toda a sociedade ten que involucrarse no rexeitamento aos maltratadores e previr a violencia”.