Friday 22 de November de 2024

O obradoiro de autoprotección e a estrea do documental Contraaluz, propostas para este sábado en San Sadurniño co gallo do 25-N


 

A programación do 25-N en San Sadurniño ten este sábado os seus eventos principais, nunha xornada que arranca pola mañá cun obradoiro de sensibilización seguido do VIII Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero para o que aínda está aberto o prazo de inscrición a través do 981 490 027 ext.1. Estas actividades desenvolveranse na Casa da Xuventude e rematarán ao mediodía cun xantar de convivencia entre as mulleres participantes. Porén, o programa continúa pola tarde -17.00h.- coa proxección na Casa da Cultura do documental “Contraaluz” dirixido por Teo Manuel Abad. Unha peza que reflexiona sobre o maltrato, sobre barreiras e sobre como se vence o medo para poder deixar atrás unha situación insostible.

Nunha reportaxe do Diario da Universidade de Vigo asinada por Eduardo Muñiz coméntase que Manolo Abad tiña intención de facer un documental sobre o boxeo feminino en Galicia, temática que se mantén no filme a través dos testemuños de boxeadoras “que chegaron a este mundo como un sistema de autoprotección e unha vía de escape”. Porén, a súa idea inicial mudou cando presenciou unhas clases de autodefensa para vítimas de violencia de xénero organizadas polo Sindicato Unificado de Policía (SUP). “Cando comecei a asistir cambiou totalmente a miña idea do documental”, recoñece o director, engadindo que a partir dese momento o filme pasou a ser unha “unha reflexión sobre a violencia e autodefensa”, que reflicte os cambios que experimentan as mulleres nun curso que Abad define como “un proceso curador da alma, máis que físico, xa que todas chegan coa autoestima baixísima”.

O proceso de recuperación psicolóxica das mulleres que se leva a cabo nestas clases combínase co testemuño de vítimas, psicólogos ou xuíces nun filme que, segundo o director, “non é un documental ao uso”. De feito, Contraaluz non conta cunha voz en off, senón que o relato se estrutura a través dunha “montaxe en paralelo”, na que as diferentes tramas se combinan a través do ballet, co que Abad busca representar dalgún xeito “esa especie de baile tráxico” que constitúe “a aprendizaxe de como teñen que retroceder fronte ao agresor e tentar escapar, que é o primeiro que lles ensinan”.

Dous dos protagonistas do documental son Alejandro Gómez -vello coñecido en San Sadurniño por ter impartido varios obradoiros de autoprotección- e Mónica Chaves, muller que rachou co maltrato e que contará este sábado pola tarde a súa experiencia nun coloquio moderado por Ana Belén Breixo ao que tamén asistirá o director do filme.

Será a segunda vez en poucos meses que Manolo Abad se achegue a San Sadurniño, posto que a principios de setembro puidemos velo polo territorio gravando unha peza para o Chanfaina Lab. Realizador histórico da TVG -do Luar entre outros espazos-, Abad é tamén un dos referentes do noso audiovisual e un recoñecido experimentador da imaxe que combina o seu traballo na canle pública con experiencias máis persoais, como é o caso de Contraaluz.

Obradoiros pola mañá
A proxección do documental está programada para as 17.00h. na Casa da Cultura con entrada libre. Pero antes diso haberá outras dúas citas. Ás 10.00h. a educadora Verónica Castrillón ofrecerá na Casa da Xuventude un obradoiro de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixido a mulleres. Nesta sesión daranse as claves para entender este problema, os novos xeitos en que se reproduce a violencia machista e identificar o seu funcionamento no marco dunha cultura patriarcal.

Ás 11.30h. terá lugar na Casa da Xuventude o VIII encontro de autoprotección ante a violencia de xénero, co obxectivo de que as mulleres participantes adquiran coñecementos e destrezas para xestionar situacións de risco e, se hai unha tentativa de agresión, poder safar dela para pedir axuda o antes posible. Paralelamente, a biblioteca municipal ofrecerá un servizo de conciliación para as fillas e fillos das mulleres asistentes con 10 prazas dispoñibles. O encontro de autoprotección rematará ás 14.00h. cunha xuntanza de convivencia para xantar (cada asistente deberá levar a comida). A iniciativa está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. Fai falla inscrición previa nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade do Concello, no teléfono 981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Durante toda a xornada estará aberta no recibidor da Casa da Cultura unha exposición de oito cadros sobre os signos e a dor da violencia machista, obra de Alba Blanco Pardo, estudante de belas Artes e Pisocoloxía.

Manifesto do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller
San Sadurniño volve participar este ano na campaña #enNegroContraasViolencias, na que se implicaron máis dun cento de municipios galegos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. A través das redes sociais e doutro material de difusión -pegatinas, carteis, etc.- lánzase unha mensaxe de concienciación que virá condensada, ademais, nun manifesto conxunto que se suscribirá este mediodía en Lugo.

O texto ten forma dunha declaración institucional que se lerá o luns 25 ás 9.30h. na Casa do Concello -e non na Casa da Cultura como estaba previsto inicialmente-, momento no que tamén estarán dispoñibles no Rexistro Municipal mandís e pulseiras coa imaxe da iniciativa para que calquera persoa poida recollelos alí. A área de Igualdade tamén fará un reparto deste material entregándoo nos locais hostaleiros do territorio e no comedor do CPI. O departamento convida á veciñanza a facer ver nos seus prefís sociais en facebook, twitter e instagram tanto os carteis negros como as mensaxes asociadas á campaña.

Estrea de “Fotocotías”
A concienciación contra as violencias e a desigualdade tamén terá outro foco de atención o luns coa publicación das fotografías e lemas creados pola rapazada do CPI de San Sadurniño dentro do obradoiro “Fotocotías” impartido recentemente por Neves Seara e Ana Seijo (Casa Morada). Coas imaxes preparouse un pequeno vídeo que se subirá á internet o 25N e, ademais, as redes sociais dos mozos e mozas participantes, do centro de ensino, do Concello e de Casa Morada compartirán galerías con todas elas.