O Hostal dos Reis Católicos acolle este xoves a Xornada de presentación do lanzamento da Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto Smartiago. Esta Consulta Preliminar ten o obxectivo de recompilar a información necesaria en canto a solucións innovadoras para preparar os futuros pregos de licitación nos tres ámbitos que comprende o proxecto: mobilidade, xestión de residuos e limpeza viaria e alumeado ornamental. O Smartiago, co que o Concello captou 6.180.000 € (dos que un 80% serán aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER), porá a Santiago na vangarda en materia de compra pública innovadora.
Esta xornada está dirixida a empresas e axentes do ecosistema de innovación interesados en participar no programa. Serve para explicar en detalle o programa e os retos detectados que se queren abordar e que se esperan cubrir a través das futuras licitacións.
A apertura da sesión correu a cargo do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen expresou a “necesidade” da tecnoloxía e da innovación para “preservar o noso patrimonio histórico”. Por iso, manifestou o seu compromiso para impulsar e executar o proxecto Smartiago e para “aproveitar ao máximo as oportunidades que nos ofrece”. Acompañaron ao rexedor neste acto inaugural o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e pola secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras.
Logo da intervención do concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Gumersindo Guinarte, para explicar o proxecto, houbo unha explicación dos aspectos técnicos do proxecto Smartiago a cargo de Jesús Rodríguez Castro, xefe do Servizo de Informática do Concello. A continuación, Manuel Varela, director de Sector Público en Science & Innovation Link Office (SILO) falará sobre como participar nas consultas e aspectos administrativos. A xornada pecharase cun tempo de consultas e cunha sesión de networking.
O obxectivo da Consulta Preliminar ao Mercado é recompilar a información necesaria para preparar as futuras contratacións públicas de innovación do proxecto Smartiago e informar aos operadores económicos sobre os seus plans e requisitos de contratación. A convocatoria é aberta e dirixida a persoas físicas ou xurídicas, públicas o privadas. Poderán presentar as súas propostas ata o 16 de decembro.
As propostas deberán ofrecer solucións innovadoras destinadas a dar resposta aos retos do Smartiago nos campos da mobilidade, da xestión dos residuos sólidos urbanos e limpeza viaria e do alumeado ornamental. A partir do resultado destas consultas, o Concello contará co coñecemento suficiente sobre as posibilidades tecnolóxicas existentes no mercado cara futuros trámites de Compra Pública de Innovación ou outros procedementos de licitación.
Son tres as liñas estratéxicas incluídas no proxecto Smartiago e sobre as cales se poderán facer achegas. Unha delas é a xestión de residuos urbanos e a limpeza viaria, onde se fixan, entre outros, obxectivos como lograr o 50% de preparación para a reutilización e reciclaxe, partindo do 13% actual; crear un modelo predictivo de compostaxe comunitaria urbana baseada no control biolóxico respirométrico; a gamificación (con aforros transformados en moeda social dixital aceptada polo comercio local); ou implantar modelos de inspección avanzados da calidade da limpeza viaria.
Na liña de mobilidade intelixente e sustentable, as empresas deberán achegar propostas sobre aspectos como a implantación de vehículos eléctricos no ámbito do casco histórico, ou os controis de acceso e estacionamento. Finalmente, na liña da eficiencia do alumeado público, o Smartiago céntrase na busca de solucións que permitan reducir emisións e custos, conxugándoos coa súa adecuada integración arquitectónica nun entorno Patrimonio da Humanidade.
Estudadas as propostas presentadas nesta fase de Consulta Preliminar, en febreiro de 2020 publicarase un informe cos resultados. Comezaría entón a fase de redacción de pregos e licitacións, co obxectivo de comezar a execución do proxecto en setembro de 2020. Cara finais de 2022 culminaríase a fase de desenvolvemento destas tecnoloxías innovadoras.
O Concello de Santiago é pioneiro a nivel municipal en contratación pública con este modelo innovador como factor de competitividade. Compostela sitúase así coma un referente neste ámbito, ao definir un novo modelo de servizos públicos baixo a óptica dunha cidade Patrimonio e polo nivel de captación de fondos europeos. O Smartiago converterá o Concello nun polo de innovación, con consecuencias directas nas xeración de emprego, na redución de custos e na sustentabilidade.