O inverno adiantado que estamos tendo repercute na nosa vida diaria de moitos xeitos. Por veces vai máis frío da conta, veñen temporais cada catro días e os plans que tiñamos para facer ao aire libre vense trastocados. Algo que tamén incide nas previsións para reparar a rede viaria municipal. E é que varios proxectos que se iniciaron hai semanas se viron paralizados pola concatenación de días de auga e vento. As empresas adxudicatarias das obras acollidas ás liñas do POS e da AGADER fixeron unha primeira intervención preparatoria do terreo -maiormente a limpeza de cunetas e o recheo de sobreanchos- pero tiveron que agardar a esta mesma semana e a un tempo máis ou menos estable para empezar coa renovación dos firmes. Así se fixo xa na pista que une Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso pasando por Vilafiúnce e o desvío da Coruxa, onde se botou unha nova capa de aglomerado pola que se pode transitar desde esta mesma mañá. Ademais, as máquinas andan hoxe pola zona do Pico, en Naraío, para enlazar con este mesmo tipo de emulsión o trazado que vai desde Campolabrado até o Pico. A partir de agora, e se o tempo volve ao seu, iranse completando o resto de proxectos, incluídos os que acaban de ser adxudicados: o aglomerado desde Amido até A Chabola -Ferreira e Igrexafeita- e desde O Cando até O Castro -Igrexafeita-, ademais da reparación dos tramos da Vila ao Feixo e da Longra aos Foxos, en Naraío.
De toda a planificación á que se lle deu luz verde entre agosto e setembro hai varias obras que xa están finalizadas. É o caso do amaño da pista de Sabanda á Pena, do acceso ao núcleo do Colado e do camiño do Espiñeiro, todos eles en Santa Mariña do Monte, que supuxeron un investimento de 25.552€ e a reparación de 1,3 quilómetros de vías municipais.
Tamén están listos desde hai tempo o tramo As Loibas-O Carbeiral, na parroquia de Bardaos, e o que vai desde A Pena até O Albeiro, en San Sadurniño, financiados en ambos casos pola AGADER. Nese paquete -adxudicado en 53.542,50€- tamén se conta a pista do “camiño vello” entre o Cerdeirido e Lourido, en Naraío, que seguramente quede rematada nestes días, completando así outros 5 quilómetros máis de reparacións.
Por outra banda, no listado do feito cómpre anotar a pista desde a Agra de Abaixo ata a conexión coa AC-112 que vai a Pedroso, finalizada a primeira hora da mañá de hoxe e á que só lle quedaría pendente a sinalización horizontal. A maquinaria que estaba pola zona detívose en Marqués de Figueroa para amañar pequenos desperfectos que se produciran na avenida e, cara ao mediodía, empezou a traballar no tramo Campolabrado-O Pico, en Naraío, que tamén levará firme de microaglomerado e un ancho maior. Contan acabar ao longo desta tarde. O investimento total é de algo máis de 51.000 euros e estas dúas obras suman 1,4 quilómetros de distancia.
Na práctica totalidade dos proxectos restantes están feitos os traballos preliminares e neste momento só faltaría poñerlles o ramo con aglomerados ou asfaltados, dependendo do que marquen as prescricións técnicas. Se o tempo vai aguantando coma estes días iniciaranse de inmediato as reparacións da pista que vai desde Piñeiros ata o límite con Narón -San Sadurniño-, a que comunica Cadavás coa estrada provincial DP 701 -a estrada de Ferreira-, o eixo principal do núcleo do Pico -tamén en Ferreira- e o tramo que vai desde os Miguelares até a Ermida, en Igrexafeita. Neste caso arranxaranse case 2 quilómetros de pistas cunha nova superficie asfaltada. Das obras encargarase Excavaciones Saavedra y López S.L. por un prezo de adxudicación de 30.431 euros.
Pendente das condicións climáticas está tamén o comezo das obras nun dos grandes eixos do norte do Concello, o que cobre o traxecto Castrelo-Cabanela-A Veiga, de case 2,8 quilómetros, ao que se lle arrimou a conexión da pista da Bañoca co límite de Moeche –400 m.-. Todo ese percorrido irá aglomerado e terá un custe de 97.785 euros financiados dentro da liña crediticia do Plan Único da Deputación da Coruña.
Novas adxudicacións
Isto en canto ao estado de obras viarias que xa estaban adxudicadas. Pero tamén hai que falar doutros proxectos licitados no mes de setembro que acaban de ser adxudicados provisionalmente e que agardan a que as empresas fagan os trámites administrativos necesarios para poderen subscribir os contratos e empezar a traballar.
Hai información dispoñible sobre dous deles: a reparación con aglomerado da pista entre O Cando e O Castro -1,8 quilómetros-, adxudicada provisionalmente a Canarga SL. en 44.800 euros; e o arranxo dos camiños A Vila-O Freixo e A Longra e A Braña, en Naraío, que se agruparon por proximidade nun mesmo proxecto encargado tamén provisionalmente a Construcciones Saavedra y López SL. por un prezo de 22.900 euros.
De todo o paquete viario deste ano só falta por publicar a adxudicación do outro grande contrato licitado polo Concello, co que se aglomerarán os 2,6 quilómetros que van desde Amido -no límite coas Somozas- ata o núcleo da Chabola pasando polo Hedreiro e Caínce, en Ferreira. O proxecto saíu a concurso por 82.509€ e, segundo informan desde os servizos administrativos municipais, neste momento só falta por aprobarse a resolución de adxudicación provisional que se lle debe notificar á empresa que fixese a mellor oferta. Un trámite que, con toda probabilidade, se efectuará a principios da semana que entra.