Friday 22 de November de 2024

Pleno infantil con motivo do Día Universal do Neno


Con motivo da celebración do Día Universal do Neno, a Concellaría de Políticas Sociais e Unicef organizaron un pleno infantil no que participaron nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP López Ferreiro. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu a sesión, na que tamén participaron as concelleiras de Educación, Noa Díaz, e de Políticas Sociais, Mila Castro; o concelleiro do PP José Antonio Constenla e os voceiros de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e do BNG, Goretti Sanmartín.

Este 20 de novembro de 2019, a Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) cumpre 30 anos. Este aniversario presenta unha oportunidade para dar especial relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos os nenos e nenas, en calquera lugar. Este documento, clave para o desenvolvemento da infancia nas últimas décadas, apela no seu artigo 12 á necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de ser escoitados, directamente ou a través dun órgano apropiado, en todos aqueles procedementos que lle afecten.

Baixo estas premisas, o pleno infantil deu aos nenos e nenas a oportunidade de propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da CDN na súa contorna e promover o seu dereito a decidir sobre os temas que lles afectan a nivel local. A sesión tamén permitiu achegar os/as menores ao día a día das institucións públicas da súa localidade.

Convención sobre os Dereitos do Neno
A Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno de 1989 é un tratado de dereitos humanos que case todos os países do mundo se comprometeron a defender. Malia isto, cada día vulnéranse os dereitos de millóns de nenos e nenas en todos os países do mundo e tanto as institucións como a sociedade civil deben responder a este reto e seguir loitado para que a Convención se converta nunha realidade en beneficio dos nenos e nenas do mundo.

Os dereitos da infancia baséanse en catro principios fundamentais:

– A non discriminación: todos/as os/as nenos/as teñen os mesmos dereitos. Non importa a súa raza, a súa relixión, a súa procedencia ou as ideas dos seus pais. Ningún neno ou nena debe recibir un trato inxusto baixo ningún concepto.

– O interese superior do neno: calquera decisión, lei, ou política que poida afectar á infancia ten que ter en conta que é o mellor para os nenos e nenas. Cando os/as adultos/as tomen decisións teñen que pensar en como poden afectar á infancia.

– O dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento: todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir, a desenvolverse e a alcanzar o seu máximo potencial na vida. Isto inclúe ter dereito a unha alimentación e aloxamento adecuados, á auga potable, á educación, á atención sanitaria, ao xogo e o descanso, a actividades culturais e a información sobre os seus dereitos.

– A participación: os/as menores de idade teñen dereito a ser consultados/as sobre as situacións que lles afecten e a que as súas opinións sexan tomadas en conta. A participación debe ir aumentando conforme á idade e é importante para que os nenos, nenas, mozos e mozas alcancen a madurez.