As persoas con diversidade funcional son as protagonistas, ofrecendo á cidadanía unha semana de variadas actividades culturais de calidade
A sala municipal de exposicións de Brión acolleu esta mañá a presentación do festival Brión Inclúe, que do 19 ao 24 de novembro presentará á cidadanía a segunda edición de este festival que ofrece unha programación pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade. Unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega e cofinanciada por Gadis e Froiz, que inclúe unha exposición de pintura, proxeccións audiovisuais e espectáculos de teatro, danza e música. Igualmente, o festival BRIÓN Inclúe organizará actividades para escolares de Brión, tanto no CEIP Pedrouzos como no IES de Brión.
Na súa intervención, o alcalde salientou que “para o Concello de Brión é unha obriga promover a inclusión da cidadanía. A primeira edición do Brión Inclúe foi a demostración de que as persoas con capacidades diferentes poden ofrecerlles aos nosos veciños e veciñas unha programación cultural de calidade”. Neste senso, asegurou que “Brión Inclúe é un exemplo de outra forma de facer e que nesta segunda edición achega un feixe de actividades tamén aos centros de ensino, porque a inclusión temos que sementala dende a infancia”.
Un punto no que incidiu Fran Rei, quen agradeceu a colaboración do Concello de Brión e convidou á veciñanza a gozar dos espectáculos que “de seguro, sorprenderán pola súa calidade”. O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, “normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía a través das creacións culturais de persoas con distintas capacidades”. Un festival que tamén aporta integración ás familias das persoas con discapacidade, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega tanto a nivel de recoñecemento social como de propia autoestima.
Completa programación
A segunda edición do festival Brión Inclúe comprende unha completa programación. As actividades, salvo no caso dos centros educativos, desenvolveranse no Centro Social Polivalente. As propostas son as seguintes:
– Xoves 21 de novembro. IES Brión. Contacontos inclusivo de Vero Rilo Falar a Mans Cheas, para o alumnado de 1º de ESO.
– Venres 22 de novembro. CEIP de Pedrouzos. Contacontos en linguaxe de signos e Obradoiro de iniciación á linguaxe de signos para o alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria, que correrá a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas.
– Venres 22 de novembro, ás 18.30 horas. Centro Social Polivalente. Presentación e proxección da curtametraxe Se vende, de DOA Saúde Mental.
– Venres 22 de novembro, ás 19.00 horas. Centro Social Polivalente. Presentación e proxección da curtametraxe Casting, de Grupo de Teatro Muxicas.
– Venres 22 de novembro, ás 19.30 horas. Centro Social Polivalente. Presentación da exposición de Pintura Disorders, de Saúde Mental FEAFES Galicia, que permanecerá aberta dende o luns 18 ao domingo 24 de novembro.
– Venres 22 de novembro, ás 20.00 horas. Centro Social Polivalente. Presentación e proxección da longametraxe Máscaras, de Proxecto Máscaras.
– Sábado 23 de novembro, ás 20.30 horas. Centro Social Polivalente. Representación da obra Construíndo Soños¸ da Compañía 5S.
– Domingo 24 de novembro, ás 12.00 horas. Centro Social Polivalente. Sesión vermú con concerto do Grupo Naranja Imaginario, da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión e Fátima Pego. Haberá un mercado solidario de colectivos e asociacións.
Participantes no Festival Brión Inclúe
José Luís García fixo especial mención “aos verdadeiros protagonistas deste festival”. Neste senso, agradeceu a implicación de todas as entidades, colectivos e profesionais implicados no desenvolvemento da segunda edición do Brión Inclúe, que conta cos seguintes participantes nas distintas actividades:
FAXPG
FAXPG traballa no desenvolvemento integral das persoas xordas de Galicia, en condicións de accesibilidade universal, poñendo o valor na utilización dunha lingua, a de signos, que forma parte da identidade de moitas destas persoas e constitúe un medio para poder comunicarse e integrarse de forma plena.
As persoas xordas constitúen un colectivo moi heteroxéneo que precisa diversos recursos e axudas técnicas para eliminar as barreiras de comunicación, que son o principal obstáculo ao que se enfrontan para acadar a integración plena na sociedade.
SAÚDE MENTAL FEAFES GALICIA
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares, así como loitar pola mellora da súa calidade de vida.
A exposición Disorders consta dun total de 14 debuxos e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental para ilustrar as cancións do disco que leva o mesmo nome. Coa fin de amosar as capacidades artísticas destas persoas, así como dar a coñecer os problemas de saúde mental á cidadanía.
GRUPO DE TEATRO MUXICAS
O Grupo de Teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actores e actrices con cegueira ou cunha discapacidade visual grave. Resaltan a ausencia de intérpretes con estas características no panorama audiovisual galego. Se non ves, vente? Casting é unha curtametraxe protagonizada polo Grupo Teatro Muxicas creada por Lucía Estévez, Tito Asorey e Melania Cruz.
PROXECTO MÁSCARAS
A Asociación Proxecto Máscaras parte da firme crenza da potencia do audiovisual para contar esas realidades que xa existen, pero que necesitan ser narradas. Porque educar é deixar espazo para coñecer… e para pensar. Porque para poder facer cousas novas, hai que ver cousas novas.
Máscaras é unha longametraxe de non ficción que conta a historia dun reto no que un grupo de persoas con diferentes capacidades conseguen facer equipo e traballan duro para crear, rodar e estrear a súa propia curtametraxe.
NARANJA IMAGINARIO
“Naranja Imaginario” é unha banda de pop electrónico e psicodelia cósmica. Activos dende o 2015, a súa calidade e profesionalidade queda demostrada en cada directo baixo a mirada dun público sorprendido pola paixón do grupo e a enerxía das súas composicións. Destacan a súa actuación no Festival Noroeste EG 2017 e no Festival Una Mirada Diferente 2017 no Teatro Valle Inclán – CDN (Madrid). “Naranja Imaginario” formase no C.O. Pascual Veiga, por persoas con discapacidade intelectual que atoparon nos sintetizadores, pads e baterías electrónicas unha poderosa vía de creación e comunicación coa vida e a cultura.
Naranja Imaginario son: Estrella Agullló, Miguel Astray, Mónica López (sintetizadores); Mariana González, Iago García (voz e percusión); Ramón Rodriguez (ilustración en directo) e Roberto Casteleiro (secuenciador, voz e baixo)
FRAN REI
Fran Rei é actor, pallaso e formador teatral dende fai máis de 15 anos. Na súa formación escénica destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres do panorama internacional. Como actor ten máis de 6 shows en activo, un deles merecedor do premio do público no Festiclown 2018.
Dirixe varias aulas de formación teatral desde 2001. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Nos últimos anos está especializandose na formación de teatro para persoas con diferentes capacidades, descubrindo aquí un mundo apaixonante que ofrece multitude de beneficios: melloras na comunicación, socialización, autoestima, movemento, memoria…
5S
5S presenta Construíndo Soños, un proxecto de inclusión social a través das artes tomando como base a historia do Barrio da Sagrada Familia e da comunidade que o habita.
Partindo da temática da túa historia e da historia do Barrio, da palabra, para engadirlle o corpo en movemento, a fotografía e a banda sonora que dará música á historia de cada un.
VERO RILO
Vero Rilo ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola Semente, cursou estudos de iniciación ao teatro da man de Carlos Neira e outros específicos de contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa moveu, cun formato que combina música e conto, diversos espectáculos para público adulto e infantil, por toda Galicia e mesmo alén do Miño.
DOA SAÚDE MENTAL
DOA ten como misión a mellora da calidade de vida das Persoas con Problemas de Saúde Mental e das súas Familias, a defensa dos seus dereitos e a representación dos seus asociados.
DOA quere consolidarse como unha organización de referencia a nivel autonómico no ámbito da Saúde Mental, traballando en torno a un modelo de atención de base comunitaria e xerando mecanismos de normalización.