Friday 22 de November de 2024

Hoxe comeza en San Sadurniño o Outono Agroecolóxico organizado pola asociación A Cortiña


 

O colectivo A Cortiña reedita nesta recta final de novembro o ciclo de charlas do Outono Agroecolóxico, co que continúan apostando por unha formación agrogandeira baseada na sustentabilidade. A serie de sesións comeza hoxe ás 18.30h. na Casa da Xuventude e o programa ocuparase de mostrar sistemas de produción e comercialización alimentaria de ambito local que, en último caso, buscan reconstruír -máis ben recuperar- a soberanía alimentaria no rural. As seguintes citas programadas son este xoves 21, o sábado 23 e o xoves da próxima semana, día 28 de novembro. As charlas son con entrada libre e só se precisa inscrición previa para a viaxe que se fará a Irixoa este sábado. Hai máis información no 629 835 351.

A primeira sesión -a deste martes 19 de novembro- impartiraa na Casa da Xuventude o xeógrafo Xosé Constenla Vega. Falará sobre o despoboamento rural e o colapso territorial de Galicia. O experto contextualizará a situación actual do país abordando as causas do abandono do agro que se vén producindo desde hai medio século -acelerado nos últimos 20 anos-, pero tamén as oportunidades que se abren para Galicia, tendo en conta que a a nosa realidade demográfica, de asentamento poboacional e agrocultural non deixaron sobrepasar o punto de non retorno que si se deu en zonas con grandes polos urbanos e industriais.

A seguinte charla terá lugar na Casa da Cultura este xoves 21 de novembro ás 18.30h. Sergio Boado, de Granxas de Lousada, comentará co público a experiencia que esta sociedade desenvolve en Irixoa apostando pola vía ecolóxica e por un modelo diversificado que combina a produción agrícola e gandeira. Granxas de Lousada vende sen intermediación horta, verdura, xatos, cochos… fiando a rendibilidade á calidade, á relación directa coa clientela e á variedade da súa oferta. A sesión terá unha segunda parte o sábado 23 cunha visita guiada pola explotación. A saída está prevista para as 9.30h. de diante da Casa do Concello e cómpre apuntarse chamando ao 629 835 351.

A última das conferencias do Outono agroecolóxico celebrarase na Casa da Cultura o xoves da semana que vén, 28 de novembro, a partir das 18.30h. co título “Regresando ao futuro”. A convidada é Marijo Imaz Gurrutxaga, coordinadora do servizo Ekoizpen do concello vasco de Orduña. Alí levan máis dunha década promovendo unha transición agroecolóxica ao abeiro do proxecto “Regresando ao futuro”, un nome que alude á recuperación da filosofía de produción e de comercio tradicional adaptándoa aos novos tempos en canto a seguridade alimentaria, responsabilidade social e compromiso ambiental.

Tanto a charla de Marijo Imaz como as tres sesións anteriores do Outono agroecolóxico son gratuítas e non requiren inscrición previa -agás a viaxe do sábado 23-. Para obter máis información pode contactarse coa Asociación agroecolóxica A Cortiña a través de Facebook ou do teléfono 629 835 351.