O alcalde e concelleira de Economía, Laura Salgado, mantiveron hoxe unha reunión coa conselleira Fabiola García
O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Economía e Facenda, Laura Salgado, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo en Santiago coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Un encontro que serviu “para presentarlle á conselleira un proxecto inversor para mellorar as condicións de utilización e a ampliación do asilo que hai no Campo de Noia e que xestiona a Fundación Blanco Romero Monroy. Este proxecto propón facer unha residencia máis ampla e un centro de día, así como acordar un novo modelo de xestión que garanta un número de prazas para os actuais usuarios, outras prazas para uso público e outras de xestión concertada”.
Freire Abeijón agradece a boa receptividade da conselleira ao proxecto xa que “este investimento pode materializar un servizo moi demandando en Noia, tanto de residencia de maiores como de centro de día. Un proxecto que, incluso con algunha dotación complementaria, podería permitir o seu uso por outros usuarios”. “Dende a Consellería ven interesante a proposta e agora o que toca é traballar nos vindeiros meses para concretar o proxecto e ir avanzando no seu encaixe formal, toda vez que a Fundación Blanco Romero Monroy xa ten un acordo para a poñer a disposición os terreos”, apunta o alcalde de Noia.
O encontro serviu tamén para avanzar noutros temas xa analizados con anterioridade coa conselleira durante a súa recente estancia a Noia, o pasado 21 de outubro co gallo dunha visita á asociación Misela, como son o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención a dependentes.