A concelleira Esther Fontán falou na presentación da iniciativa de que un dos obxectivos de Medio Ambiente é lograr que a cidadanía separe ben os residuos alimentarios
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou esta mañá a campaña “Come e leva”, encadrada na Semana Europea de Prevención de Residuos”, en que 45 restaurantes distribuirán entre a súa clientela ata 8.000 friameiras e bolsas reutilizables para que poidan levar a comida sobrante para a casa. A edila manifestou que a iniciativa pretende ser unha chamada de atención á cidadanía sobre a cantidade de restos que desperdiciamos ao día a nivel particular e colectivo. Os establecementos terán un distintivo na porta coa imaxe da campaña que está presente nas redes sociais a través de Facebook e Instagram, onde se pode ver a listaxe con todos os locais que se apuntaron, así como a súa oferta hostaleira.
Cada negocio presentará tamén un prato preelaborado e reelaborado. “A partir de sobrantes, farán unha nova especialidade, unha forma de reinventar a súa cociña para aproveitar os alimentos”. O resultado poderá ser votado polas coruñesas e coruñeses nas redes e, ao rematar, sortearase un vale de 60 euros para comer ou cear nalgún deses establecementos, que están repartidos por toda a cidade, “desde a zona dos viños aos barrios de Los Rosales e Matogrande, pasando por rúas céntricas como Juan Flórez”. Fontán explicou que o aproveitamento dos alimentos “que pode parecer unha cuestión menor é un dos maiores problemas que temos a nivel europeo, xa que un estudo realizado pola Federación Española de Hostalaría e
Restauración revela que os restaurantes descartan máis de 60.000 toneladas de comida aptas para o consumo, o que supón un sobrecusto de máis de 250 millóns de euros anuais”. Se desde o punto de vista social, dada a situación de urxencia pola que están pasando multitude de familias, esta cifra é xa escandalosa. “Desde a perspectiva medioambiental, o problema adquire grandes dimensións ao acabaren eses restos nos nosos contedores”.
Aínda que implica unha cantidade menor, engadiu, é igualmente importante que nos fogares se separen de xeito adecuado os residuos alimentarios domésticos, algo que non se está a facer na cidade, segundo manifestou a edila, que asegurou que os malos costumes levan a veciñanza a botar o excedente no colector equivocado: “Cando temos unha bolsa de salchichas caducadas, o máis lóxico é que a tiremos en orgánicos, cando ese plástico non é orgánico; no caso dun iogur, a tendencia é tiralo no inorgánico porque quedamos co compoñente de fóra”.
A concelleira insistiu en que era o momento de facer un exercicio de boas prácticas e, por iso, tamén lles proporán aos restaurantes “que nos dean receitas coas que reelaboremos produtos cociñados do día anterior e non os desperdiciemos”. O obxectivo de Medio Ambiente pasa por concienciar a veciñanza sobre a separación de residuos porque “a loita contra o cambio climático comeza nos caldeiros do lixo” das/os particulares e das grandes superficies, “onde nos achegaremos nas vindeiras semanas porque a súa colaboración é imprescindible para non nos atoparmos en Nostián coa situación de que non se separa adecuadamente e que a planta non pode facer un bo compost”.