Os traballos permitirán dotar a liña de costa dun borde peonil e mellorar a seguridade coa ampliación da glorieta da ponte do Campo das Rodas
Técnicos da Demarcación de Costas en Galicia visitarán a próxima semana Noia para comprobar sobre o terreo as características das obras de adecuación da fachada marítima da vila, adxudicadas á empresa COPCISA por 434.380,12 euros. Así llo comunicou o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, ao alcalde de Noia, Santiago Freire, quen agarda que “de cara ao vindeiro verán as obras estean rematadas e en servizo para os veciños e veciñas de Noia”.
Unhas obras que, unidas ás que está a executar Portos de Galicia no Peirao do Marqués, “suporán un investimento de case un millón de euros para mellorar a fachada marítima de Noia e que se verán complementadas con actuacións posteriores de limpeza e dragaxe”. Deste xeito, Noia dotarase dun paseo peonil e mellorará a seguridade viaria na zona, tanto por acondicionar un paso amplo para os peóns como pola ampliación da glorieta na intersección do Malecón de Gasset, o Malecón de Cadarso e a ponte do Campo das Rodas.
Freire Abeijón apunta que “agora é un punto estreito e de difícil paso para camións e autobuses, pero a ampliación da glorieta mellorará a seguridade viaria e deixa aberta a posibilidade ao proxecto de conexión por ponte dende o Malecón de Cadarso ao Malecón de San Lázaro”. O alcalde noiés destaca que “estamos falando de investimentos moi importantes para Noia e que é froito de máis de tres anos de reunións, xestións e conseguir os informes e permisos pertinentes”.
Descrición das obras
O proxecto inicial de adecuación da fachada marítima de Noia, que data do 2015, ten como obxectivo dotar a esta zona dun borde peonil, que dea continuidade á pasarela que se está a executar no Peirao do Marqués, así como a implantación dunha nova glorieta de acceso á ponte. A solución proxectada mantén unha calzada de 7 metros de ancho para os vehículos, con dous carrís en ambos sentidos da circulación de 3,5 metros, e incorpora un paseo peonil de 2,5 metros de ancho.
Antes da colocación da pasarela peonil, procederase á limpeza con aire a presión do pretil de granito existente e á limpeza manual do muro do malecón no que se ancorará a estrutura, retirando a vexetación existente. A estrutura do paseo será de aceiro inoxidable e o camiño terá un ancho de 2,5 metros, cun pavimento de madeira de BADI, moi resistente a ambientes agresivos e mariños. Un material que tamén se empregará no pasamanos da barandilla de seguridade do paseo, de 1,1 metros de alto.
Por último, proxéctase unha glorieta no cruce dos malecóns de Gasset e Cadarso coa ponte da AC-550, un punto de moito tráfico. Tras estudar distintas alternativas, optouse por unha glorieta esviada de 14 metros de radio que está deseñada de forma que non será preciso executar muro de contención augas abaixo da ponte, polo que non se ocupa ningún espazo protexido pola Rede Natura 2000 ZEC “Esteiro do Tambre”. No seu lugar, executarase un muro de contención augas arriba da ponte, espazo fóra do “Esteiro do Tambre”. Tamén se reporán as beirarrúas e as barandillas do inicio da ponte. En canto ao mobiliario urbano, está prevista a colocación de cinco papeleiras e outros tantos bancos de madeira.