A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, inaugurará a xornada, que se enmarca no proxecto europeo LIFE Stop Cortaderia e reunirá en Oleiros a técnicos e xestores procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal
O Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, acollerá este mércores unha xornada de traballo dedicada á xestión e eliminación da planta exótica invasora cortaderia selloana, conocida popularmente como herba da pampa. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, encargarase de abrir o evento, que reunirá a técnicos e xestores de áreas relacionadas co medio natural, parques e xardíns e infraestruturas procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal co fin de intercambiar experiencias para o control e erradicación desta especie no eido do Arco Atlántico.
A xornada está organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e SEO/BirdLife no marco do proxecto europeo LIFE Stop Cortaderia, e será a segunda reunión do grupo de traballo internacional de loita contra a herba da pampa, despois da que se celebrou en Santander o pasado mes de maio. No transcurso da mesma tamén intervirán Carlos Vales, director do CEIDA, e Santiago García de Enterría, coordinador do proxecto.
Cómpre lembrar que LIFE Stop Cortaderia é unha iniciativa coordinada pola entidade cántabra Asociación Amica e nela participan como socios AMPROS, SERCA, SEO/BirdLife, a Cámara Municipal de Vilanova de Gaia e o Instituto Politécnico de Coimbra, sendo a Xunta de Galicia unha das entidades cofinanciadoras do mesmo.
En canto ao grupo de traballo que se reunirá esta semana na sede do CEIDA, ten por obxectivo promover a coordinación e a cooperación das distintas administracións públicas afectadas por esta gramínea invasora, orixinaria de Suramérica, así como difundir e intercambiar as súas experiencias e coñecementos na loita contra a mesma.
A herba da pampa é unha especie de alto risco de impacto na biodiversidade, polo que a estratexia para a súa xestión e control debe afrontarse desde unha perspectiva de contención local e protección dos sitios prioritarios para a conservación de especies (principalmente, a Rede Natura 2000).