A alcaldesa presidiu o acto de entrega da XXXII edición dos galardóns que se outorgaron esta mañá no salón de Plenos
A alcaldesa Inés Rey presidiu esta mañá o acto de entrega dos XXXII Premios Prisma “Casa das Ciencias” á Divulgación Científica 2019, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo de María Pita. A rexedora destacou a figura de Leopoldo García Sobrado, que coordinou ata a súa xubilación as distincións que, para a rexedora, son necesarias para que as boas ideas e propostas se manteñan no tempo e “sigan ensinándonos. Como sociedade tamén din moito de nós. Que valoremos o feito por este colectivo de profesionais di se somos un país avanzado ou non porque algo falla cando un estado non coida o seu talento e ten que importar o I+D+i”.
Rey sinalou que un dos retos do Goberno local, a Cidade das TIC, conectará a investigación co tecido industrial e empresarial a través dunha rede na que a Universidade e as entidades públicas e privadas irán da man co fin de xerar postos de traballo na cidade. Neste aspecto, a alcaldesa asegurou que os Museos Científicos serán un complemento perfecto para darlle acubillo e poñer en valor todo o que saia desa fábrica que está por construír. Ademais, valorou positivamente a diversificación dos premios Prisma xa que atenden ás distintas formas de contar: “Estes galardóns foron evolucionando, aumentando categorías segundo a sociedade científica o foi demandando”.
Nesta entrega, os Museos Científicos outorgáronlle Prisma de Bronce ás seguintes propostas.
Modalidade de Vídeo
Prisma de Bronce ao mellor traballo en vídeo destinado á divulgación científica, e o premio dotado con catro mil euros, para o titulado ” Desextinció: revivir una especie”, do programa “Quèquicom” Pere Renom e Cari Pardo, dirixido por Jaume Vilalta, polo rigor científico, creatividade, claridade e sencillez para presentar un tema complexo e facelo alcanzable á sociedade.
Modalidade de libros editados
Prisma de Bronce ao mellor libro de divulgación científica editado en España en
2018 para “Einstein para perplejos. Materia, energía, luz, espacio y tiempo”, de José Edelstein e Andrés Gomberoff, publicado por Debate, por presentar un tema xa tratado profusamente desde unha perspectiva orixinal e sorprendente.
Modalidade de artigo xornalístico
Prisma de Bronce ao mellor artigo xornalístico de divulgación científica publicado durante o ano 2018, e o premio dotado con catro mil euros, para “No, el ser humano no se está volviendo más tonto”, de Sergio Ferrer, publicado pora Agencia SINC, polo seu exercicio exemplar de como combater novas falsas mediante a ponderación de argumentos e a búsqueda de matices.
Modalidade de traballos en radio
Prisma de Bronce ao mellor traballo en radio de divulgación científica emitido durante o ano 2018, e o premio dotado con catro mil euros, ao titulado “Ciencia Extrema: de la Amazonía a la Antártida”, do programa Carne Cruda, polo seu formato áxil e espontáneo e por incorporar unha perspectiva de xénero, resaltando o papel da muller na ciencia.
Mención honorífica proxecto singular
Mención honorífica ao proxecto “Ciencia en el Parlamento”, unha iniciativa de Andreu Climent, Ana Elorza, Cristina Giménez, Lilian Grigorian, Izaskun Lakunza, Lorenzo Melchor, Eduardo Oliver e Manuel Souto, pola aposta de levar evidencias científicas contrastadas aos nosos representantes políticos para que estes tomen as decisións de maneira informada.
Modalidade de proxecto singular
Prisma de Bronce ao mellor proxecto singular de divulgación científica, e o premio dotado con catro mil euros ao triformato “El Enigma Agustina”, orixinal de Emilio J. García, Susana Escudero, José Miguel Álvarez, Natalia Ruiz e Manuel González, pola súa orixinalidade, profesionalidade e exquisita combinación de elementos de radio, cine e teatro nun proxecto que reivindica o papel das mulleres silenciadas na ciencia.
Modalidade de textos orixinais e inéditos
Prisma de Bronce ao mellor texto orixinal e inédito, e o premio dotado con catro mil euros, para o manuscrito “La trastienda de la ciencia”, de Miguel Ángel Sabadell, por presentar dunha forma amena e interesante as dificultades, problemas e situacións persoais que poden aparecer nun laboratorio de investigación científica, humanizando o labor dos investigadores.
Mención honorífica novos medios
Mención honorífica á nova páxina web do CNIO, por ser unha proposta innovadora e por presentar os contidos e actividades dun centro de investigación directamente á sociedade, nun formato moderno e próximo.
Modalidade de novos medios
Prisma de Bronce ao mellor traballo en novos medios, e o premio dotado con catro mil euros, para o portal “GCiencia”, por combinar periodismo e divulgación científica desde Galicia cunha linguaxe amena, popular e rigurosa.
Prisma Especial do Xurado
Prisma Especial do Xurado, a Rafael Bachiller García pola súa recoñecida capacidade de divulgar, a través de diversos formatos conceptos propios do seu campo de forma brillante e cunha perspectiva histórica.