A Escola Municipal de Música Magariños organiza a undécima edición das Xornadas Musicais Santa Cecía, que incluirá catro actividades que terán lugar durante a próxima semana en conmemoración da festividade de Santa Cecía, patroa dos músicos.
As dúas primeiras xornadas terán un carácter formativo e estarán dirixidas ao alumnado da propia ESMU Magariños, polo que terán lugar na Aula 5 da propia escola ás 18:30 horas. Así, o luns 18 de novembro terá lugar un obradoiro de “Percusión Corporal” impartido por Diego Vieito Bouzán, profesor de percusión da ESMU Magariños. Unha sesión formativa dirixida ao alumnado de 6 anos e que cursa Música e Movemento 4º. A segunda xornada terá lugar o mércores 20 de novembro e centrarase nunha aula de “Técnica Vogal”, impartida por Ramón Vázquez García, profesor de canto da Escola. Está dirixida a alumnado de 7 anos e que cursa Música e Movemento 5º.
As xornadas abriranse ao público en xeral o xoves 21 de novembro, tamén na aula 5 da Escola, onde o mestre Miguel Alfonso Meis ofrecerá unha charla coloquio sobre “Instrumentos de corda pulsada”. A charla comezará ás 19:00 horas e o acceso é libre e de balde ata completar aforo. Para pechar as XI Xornadas Musicais, a Banda de Música Municipal de Brión ofrecerá un concerto en conmemoración de Santa Cecía o 30 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Centro Social Polivalente de Brión.
As XI Xornadas Musicais Santa Cecía están organizadas pola escola Escola Municipal de Música Magariños, en colaboración co Concello de Brión, a Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.