Estas obras iniciaranse a finais de ano se a meteoroloxía o permite e contan cun prazo de execucións de 3 meses
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada que conectará a praia de Laxe e o paseo marítimo, por un investimento de preto de 225.000 euros.
Os traballos para executar este itinerario mixto na estrada autonómica AC-429, que une Laxe e Ponteceso, foron adxudicados á empresa Construcciones Ramón Vazquez y Reino SL. Estas obras iniciaranse a finais de ano se a meteoroloxía o permite e contan cun prazo de execucións de 3 meses.
Esta actuación de mellora da mobilidade e reforzo da seguridade viaria, implica a construción dun novo itinerario de preto de 800 metros, que unirá á zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila de Laxe.
O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta recolle para esta intervención a execución de 2 treitos de senda.
Un itinerario principal, que se inicia no extremo da praia de Laxe e continúa pola marxe dereita da estrada ata a entrada da vila, onde conecta coas beirarrúas existentes. E un ramal, unha senda que conectará este itinerario principal co paseo marítimo e co carril bici existente, que discorrerá paralela ao Rego dos Cabalos, por ambos os lados.
Ademais, no caso do itinerario entre a praia de Laxe e a entrada a vila, trátase dunha senda diferenciada para peóns e ciclistas, en formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos condutores.
Nas obras inclúese a reposición dos servizos existentes afectados no transcurso das obras.
Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e mobilidade forma parte do Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020, e que recolle case 11 km de itinerarios peonís e ciclistas que suman un investimento duns 5 millón de euros.