Saturday 16 de November de 2024

O III Trail de Lousame unirá os enclaves turísticos máis importantes do municipio: as fervenzas de Toxosoutos e as Minas de San Finx


Ofértanse un total de 450 prazas para os dous Trails, longo (25 km) e curto (15 km) e as inscricións xa están abertas a través de www.emesports.es

O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte organizan por terceiro ano consecutivo o Trail San Silvestre “Minas de San Finx” e a Andaina Solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que terán lugar durante a mañá do domingo 29 de decembro. Se para a Andaina non hai límite de prazas, no caso do Trail ofértanse un máximo de 450 prazas. En ambos casos, as inscricións deben formalizarse a través da web www.emesports.es, onde nestes momentos hai xa 25 persoas inscritas: 12 no trail, 12 na andaina e 1 no pequetrail.

Unhas probas que foron presentadas esta mañá pola concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo; o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; e o técnico de Deportes de Lousame, Germán Romero. Silvia Agrafojo agradeceu “a gran implicación do asociacionismo deportivo coas actividades que organizamos en Lousame” e convidou a todas as persoas da contorna a participaren ben no trail, ben na andaina, pois “é unha fermosa maneira de coñecer Lousame, desfrutar da natureza e do noso patrimonio cultural ao tempo que practican deporte e rebaixan eses excesos navideños que adoitamos cometer”.

Novo percorrido para o Trail

Despois do éxito de participación acadado o ano pasado, no que máis dun milleiro de persoas tomaran parte no trail e na andaina, o Concello de Lousame decidiu este ano estrear un novo percorrido e apostar por outra novidade: o primeiro “Pequetrail”. “Sabemos que é algo que non se adoita facer, pero queremos que os nenos e nenas tamén poidan participar deste deporte”, apuntou Néstor Romero.

Así, o I Pequetrail “Minas de San Finx” tería lugar o sábado 28 de decembro, ás 16:15 horas, nun circuíto adaptado ás características da rapazada na contorna do polideportivo municipal da Silva sobre unhas distancias adaptadas ás idades dos participantes: 1 km, 2 km e 8 km, respectivamente. Unha proba que terá lugar sempre que se reúnan suficientes participantes. “É unha modalidade moi bonita e gustaríanos fomentar a súa práctica polos rapaces e rapazas”, apuntou Néstor Romero.

Pola súa banda, o III Trail de Lousame terá lugar o domingo 29 de decembro e volverá incluír dúas modalidades: un Trail Longo de 25 km cun desnivel positivo de 1.000 metros e un Trail Curto de 15 km e un desnivel máis accesible (400 metros positivos). Ambos partirán das Minas de San Finx, ás 10:00 e ás 10:45 horas, para chegaren á meta instalada no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). O custe das inscricións en ambos casos é de 15 euros.

As dúas probas compartirán un percorrido común nos seus primeiros 6 quilómetros, ata Ponte Gaiteira, que serán os mesmos realizados nas dúas edicións anteriores. En Ponte Gaiteira, o Trail Longo desviarase cara Vilacoba e enlazará con parte do percorrido realizado no I Trail Nocturno de Lousame o pasado verán. Así, os participantes percorrerán Servia, Culou, Toxosoutos, Cabanetán, dende onde percorrerán canda o río Capitán cara Béxeres, O Castro (onde pasarán por diante das papeleiras de Fontán) ata chegar ao polideportivo da Silva. Pola súa banda, o Trail Curto desviarase dende Ponte Gaiteira cara Aguieira, Seoane, Aldeagrande, Filgueira, Maxide e o polideportivo Pilar Barreiro Senra.

Gran participación

Néstor Romero confirmou que xa está confirmada a participación dos gañadores da anterior edición: Luís Calvo e Aroa Sío, así como de numerosos campións locais. “O ano pasado tivemos xente de toda Galicia, que este ano van repetir, pero temos confirmada tamén a participación de xente de fóra de Galicia, que virá a desfrutar dunha fin de semana de deporte en Lousame combinando cultura, natureza e patrimonio”, adiantou Néstor Romero, quen aproveitou para recomendar que “as inscricións se fagan canto antes pois en canto cheguemos aos 450 participantes non admitiremos máis, e o ano pasado xa quedaron 30 persoas fóra por agardaren ao último día”.

Ademais, e dada a boa acollida que tivo o ano pasado, o sábado 28 de decembro a Casa da Cultura acollerá unha charla técnica sobre a proba, dirixida polo xornalista Terio Carrera, e na que está confirmada a participación de Aroa Sío, Luís Calvo e Elpidio Gómez. Unha charla durante a que se poderá recoller o dorsal da proba, previa presentación do DNI.

Andaina Solidaria

Finalmente, Germán Romero foi o encargado de presentar a III Andaina “Minas de San Finx”, evento solidario en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e que inclúe un percorrido de 14 km de dificultade baixa. Neste caso, as inscricións terán un prezo de 6 euros e todo o recadado será destinado a esta asociación lousamiá que traballa na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. O ano pasado, a participación de 382 persoas permitiu recadar 2.655 euros.

“Facemos esta actividade para complementar á principal, o trail, para dalgunha forma conciliar no ámbito familiar as dúas actividades pois a xente que compite fai o trail e o resto da familia gusta máis dun paseo pola natureza, non competitivo e a un ritmo recreativo”, explicou Germán Romero. A proba, que sairá ás 10:30 horas do poboado mineiro, fará un percorrido de 14 km de dificultade baixa por Gandarela, A Filgueira, Seixido, Maxide, Tállara, San Roquiño, Berrimes e o polideportivo municipal.

Tanto dende o Concello de Lousame como dende o Club Lousame Deporte destacaron a colaboración e patrocinio ofrecido por Autos Comparado, Lurbel Precision Garment, Hoka One One, Nosa Infraestructuras e Fermín Simal SL. De feito, Autos Comparado porá a disposición dos participantes un servizo de autobuses entre o polideportivo da Silva e as Minas de San Finx para desprazar aos participantes no Trail Longo e na Andaina (entre as 8:00 e as 9:15 horas) e aos participantes no Trail Curto (ata as 10:10 horas).