Aproveitarase o período non lectivo de Nadal para non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, iniciou hoxe diversos traballos de mellora no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Eugenio López, de Cee. A este proxecto, o departamento autonómico destinará unha achega de 16.000 euros.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que visitou esta mañá o centro acompañada pola alcaldesa, Zaira Rodríguez, e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, explicou que se aproveitará o período non lectivo de Nadal para levar a cabo estas obras, co fin de non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica.
A actuación, que estará rematada para o inicio das clases, consistirá na reforma da instalación eléctrica do edificio, co fin de incrementar a seguridade e reducir os riscos de accidente, así como adaptala á normativa vixente.
Do Campo aproveitou a súa visita a este CEIP para agradecerlle ao goberno local deste municipio a cooperación e o traballo realizado desde o concello para sacar adiante este proxecto, así como á comunidade educativa, “que en todo momento se mostrou disposta a colaborar”. Con este tipo de actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos municipios da provincia, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coas AMPAS dos centros, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.