O Mago Teto ofreceu esta mañá unha charla sobre as orixes da maxia para a rapazada do CPI Cernadas de Castro e o Mago Román progatonizará este domingo a primeira das actuacións
A cuarta edición do Festimaxia de Lousame arrincou esta mañá cunha aplaudida charla sobre as orixes da maxia e unha actuación do Mago Teto diante da rapazada do CPI Cernadas de Castro, á que asistiu a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo. Minutos despois, tanto a concelleira coma o mago facían a presentación oficial do certame, que encherá de maxia a Casa da Cultura de Lousame os tres próximos domingos, ás 18:00 horas. As actuacións do Mago Román, do Mago Teto e de Chrystyan Magic serán de acceso libre e de balde para toda a cidadanía.
Un punto que puxo en valor o Mago Teto, quen destacou que “hai que felicitar aos veciños e veciñas de Lousame porque van poder desfrutar dun festival destas características, que normalmente é para grandes vilas e con entrada de pago. Sen embargo, en Lousame poderán desfrutar de tres espectáculos de gran calidade, para toda a familia e de balde”. Neste sentido, felicitou ao Concello de Lousame por apostar por este espectáculo xa que “o normal é que este tipo de experiencias nun concello pequeno e rural non duren máis aló dun ano. Aquí imos xa pola cuarta edición, o que tamén indica que o público responde”.
Unha resposta que a concelleira de Cultura cifrou en “preto dun milleiro de persoas, sumando todas as actuacións que tivemos o ano pasado”. Así mesmo, animou ás familias lousamiás a asistiren a estes espectáculos e “desfrutar da maxia, da ilusión e do humor como fan os nosos nenos e nenas, tendo en conta ademais que cada espectáculo e cada mago son totalmente diferentes”.
Programa
A cuarta edición do Festimaxia de Lousame, organizado polo Concello de Lousame e coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, abriuse como é xa costume cunha primeira actuación en exclusiva para a rapazada do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, protagonizada este mediodía polo Mago Teto, quen ofreceu unha charla titulada “A maxia no século XX” e unha divertida actuación. “Quería transmitirlles aos pequenos que a maxia non é algo que nacera coa televisión, senón que nos acompaña dende o principio da historia, que hai referencias da súa existencia no antigo Exipto e que estivo presente dende sempre nas nosas vidas”, explicou o Mago Teto.
As outras tres actuacións terán lugar os tres próximos domingos, ás 18:00 horas, na casa da cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. A entrada nos tres casos será libre e de balde, ata completar aforo. A primeira actuación terá lugar este domingo 17 de novembro: “Nanomaxias”, do Mago Román, quen volve a Lousame dous anos despois. Nesta ocasión visita Lousame cun espectáculo con cousas pequenas e cunha intensa participación do público.
O domingo 24 de novembro será a quenda para o Mago Teto, que presentará o espectáculo “Alquimia”, que vén de poñer en escena en Coimbra e Zaragoza. Unha actuación que o propio mago define como “unha fusión do teatro e as artes escénicas coa maxia”. Finalmente, o domingo 1 de decembro Chrystyan Magic porá o broche de ouro ao IV Festimaxia Lousame co seu espectáculo “Kandor”, na que será a derradeira ocasión na que este espectáculo se poña en escena, pois despedirase ese día na Casa da Cultura lousamiá.