Friday 22 de November de 2024

Celemín destaca o labor de Cantabile e dos compositores do país por musicar a poesía contemporánea galega


 

O coro presentará o día 20 no Teatro Colón o proxecto “Palabras de luz”, no que participaron unha ducia de poetas e seis compositoras e compositores e que se poderá desfrutar de forma gratuíta

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, participou esta mañá na presentación do proxecto “Palabras de luz”, que o coro Cantabile estreará o 20 de novembro no Teatro Colón ás 20.30 horas, unha cita gratuíta que servirá para coñecer o traballo dunha ducia de poetas e seis compositoras e compositores que crearon “un repertorio de música coral contemporánea”. A iniciativa partiu da formación xa que non había obras adaptadas aos tempos actuais en galego e “non só que respondesen ás necesidades de Cantabile, senón ás de calquera coro”, contou no acto a poeta Lucía Cernadas, unha das autoras xunto a Antía Otero, Anxo Angueira, Dores Tembrás, Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Manuel Rivas, Baldo Ramos, María Lado e Pilar Pallarés.

A propia Cernadas explicou que “o coro, facendo gala do seu labor divulgativo, deume a oportunidade como coralista e persoa que escribe de lle dar a letra dun dos meus poemas a unha das composicións”. O mesmo aconteceu cunha composición de Jesús Rodil, membro de Cantabile, que engrosou a nómina dos compositores xunto con Fernando Buíde, Juan Durán, Octavio Vázquez, Federico Mosquera e María Mendoza.

Pola súa parte, o edil sinalou que o galego é a lingua máis fermosa para facer versos e musicalos e gabou o esforzo do director de Cantabile, Pablo Carballido,

que disecciona unha partitura para convertela nunha audición chea de musicalidade, “se esta vén acompañada de palabras como as das autoras e autores que colaboran, o produto resulta fantástico” e é responsabilidade do Concello darlle a visibilidade máxima. Esa é a premisa que tamén procuran desde a entidade e por iso “todo este material seralles enviado ás corais galegas para que poida difundirse e cantarse, que poidamos ver ese impacto tempo despois”, explicou Cernadas.

Pola súa parte, Dores Tembrás destacou a sensibilidade de Cantabile ao detectar ese déficit e propoñerse coidar a música para un sector tan popular. Para a poeta, foi un pracer formar parte do proxecto e asegurou que “todos os poetas puxeron o máximo entusiasmo”. Engadiu que hai moitísimo traballo detrás por parte dun equipo incansable “que non deu nunca o brazo a torcer para que isto fose unha realidade”. No acto tamén participaron o deputado de Cultura Xurxo Couto e o compositor Fernando Buíde.