Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Deputación organizan dous obradoiros para saber manexar a sede electrónica municipal luns 18 e xoves 28 de novembro


 

No último boletín Novas que se enviou ás casas figuraba a información sobre dúas charlas que ofrecerá persoal da Deputación ao respecto do uso da Sede Electrónica municipal, un portal aberto as 24 horas do día e os 356 días do ano a través do que se poden rexistrar documentos e facer outras xestións igual que se acudísemos presencialmente ao Concello. A primeira desas charlas será este luns 18 a partir da 19.00h. na Casa da Xuventude dirixido ás entidades sociais do territorio. A seguinte sesión está programada para o xoves 28 e a ela poderá asistir calquera veciña ou veciño que queira coñecer o funcionamento da Sede. A importancia de acudir a estes obradoiros informativos -que son con entrada libre- radica en que desde as Administracións se está promovendo cada vez máis a tramitación electrónica -nalgúns casos esta é a única maneira de facer certas xestións- polo que cómpre estar ao tanto dos cambios que tarde ou cedo han chegar ao xeito de relacionarse con todas elas.

Moitas das xestións máis comúns que se fan presencialmente no Concello -solicitudes xenéricas, volantes de empadroamento, etc.- poden tramitarse desde a casa a través da Sede Electrónica se se dispón dun ordenador, de conexión a internet e dun DNI electrónico ou un certificado dixital.

Ata hai uns meses o Concello usaba unha plataforma ofrecida pola Deputación da Coruña que complicaba as cousas máis que facilitalas, posto que había que cumprir uns requisitos informáticos moi estrictos para que funcionase. Pero agora, trala renovación do aplicativo por parte do ente provincial, a Sede Electrónica simplificouse moito e é compatible con calquera navegador. A través dela poden presentarse de maneira doada todo tipo de documentos e solicitudes coa mesma validez legal e de cumprimento de prazos que se o fixesemos en papel no rexistro.

O Concello e maila Deputación ofrecerán dúas charlas dirixidas a entidades e a veciñanza en xeral nas que se verá o seu funcionamento: como acceder, como identificarnos, que podemos facer nela, como se gardan as nosas solicitudes e como podemos seguir a súa tramitación, etc. son algúns dos contidos que se tratarán o luns 18 de novembro ás 19.00h. na Casa da Xuventude -para entidades veciñais, culturais e deportivas- e tamén o xoves 28 ás 18.00h. para a veciñanza en xeral. Para ningunha das dúas sesións fai falla inscrición previa.

En relación cos trámites coa administración, desde o Concello lémbrase tamén que a oficina móbil de renovación do DNI estará de novo en San Sadurniño o próximo xoves, 21 de novembro, de 8.30 a 10.30h. Será a última vez que veña neste 2019 e, coma sempre, fai falla solicitar cita previa no 981 490 027 e acudir coas correspondentes fotos de carné. Ademais, se hai cambios de domicilio con respecto ao anterior documento, tamén haberá que levar o certificado de empadroamento. A unidade móbil volverá en xaneiro.