As obras evitarán vertidos do saneamento á ría e mellorarán a eficacia enerxética das instalacións
O Concello de Noia saca a licitación o subministro e colocación de bombas en varios pozos de bombeo en San Lázaro, Obre e na entrada á estación depuradora de Noia por un importe de 25.341,59 euros e un prazo de execución de 30 días naturais. As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 20 de novembro no Rexistro Xeral do Concello de Noia.
O concelleiro de obras, Martín Fernández Godón, explica que “este investimento permitirá a substitución das bombas actuais, que se atopan en mal estado e provocan o mal funcionamento dos bombeos, polo que non só evitaremos vertidos á ría, senón que melloraremos a eficacia enerxética das instalacións”.
Así, o Concello de Noia instalará 3 bombas somerxibles nun pozo de bombeo emprazado na entrada da depuradora noiesa, no lugar de Abruñeiras (Barro). Un pozo que na actualidade ten as bombas de 6,1 KW que se atopan en moi mal estado, o que ten causado numerosas avarías nos últimos meses. Esas vellas bombas serán substituídas por bombas centrífugas antideflagrantes, somerxibles ata 20 metros, cunha potencia de 9 KW e cun motor que alcanza a eficiencia IE3.
Por outra parte, o Concello de Noia colocará outras dúas bombas somerxibles no pozo de bombeo da rúa Malecón de San Lázaro, fronte á pasarela peonil que cruza o río. As características das pezas son as mesmas cas que se empregarán no caso do bombeo á EDAR. Finalmente, no caso do pozo de bombeo do Obre, a actuación consistirá na colocación de dúas válvulas de retención bola DN65 con bridas.