A UNESCO ten declarado o 20 de novembro como Día Universal do Neno, unha denominación que vai indo a menos en favor da de Día Internacional da Infancia como xeito de construír igualdade de xénero tamén a través da linguaxe. En Moeche, como Concello Amigo da Infancia acreditado pola UNICEF, o protagonismo da celebración da data -que prevé varios actos ao longo da semana- trasladóuselle á rapazada integrante do Consello Local da Infancia e a Adolescencia, un órgano no que as nenas e nenos traballan todo o ano para definiren políticas municipais, propor programas, indagar sobre as súas prioridades e anceios como colectivo e, en definitiva, facer valer a súa voz como unha parte fundamental da sociedade.
A primeira das accións preparadas nas últimas semanas pola cativería foi a da asistencia de Marta Mera -unha das compoñentes do consello modestino- ao programa da TVG “Vin polo vento”, que se emite polas tardes na canle autonómica. Mera participará este luns 18 no espazo televisivo na compaña de representantes doutros CLIAs galegos, co obxectivo de dar a coñecer o traballo que desenvolven e, sobre todo, a importancia que teñen este tipo de organismos para a marcha dos seus respectivos concellos.
Mañá martes, día 19, o castelo de Moeche iluminarase coa cor azul a partir do serán, dentro da campaña promovida por UNICEF Galicia para celebrar o Día da Infancia.
Ademais, o propio 20 de novembro, ás 12.30h. haberá un pleno extraordinario do Consello Local da Infancia e a Adolescencia no que participará todo o alumnado do CEIP San Ramón, a rapazada que forma parte do CLIA e tamén tres rapazas do Grupo de Participación Infantil, o órgano executivo do consello. Marta Mera Lois, Leticia Caaveiro Luaces e Emily Méndez Rañal darán a coñecer o contido da actividade “Por min e por todos os meus compañeiros” proposta por UNICEF aos distintos consellos infantís co obxectivo de que traballasen sobre un dereito á súa escolla. No caso de Moeche o máis votado foi o das minorías lingüísticas, do que saiu o lema “O Galego rebélase” e unha serie de conclusións, compromisos e peticións que se exporán no pleno monográfico en defensa da lingua e do dereito a falar en galego.
Os eventos da semana pecharanse o venres 22 coa asistencia do Grupo de Participación Infantil a unha sesión especial no Parlamento de Galicia á que tamén acudirá a cativería do resto de municipios galegos co distintivo “Amigo da Infancia”. Alí presentarase o manifesto suscrito recentemente en Castrelo de Miño polos 9 CLIAs que hai nestes momentos en Galicia. Seguindo unha quenda de intervencións, a representación de cada municipio debullará o contido do texto e, en especial, as súas reflexións sobre todo o que recoñece a Convención sobre os dereitos do Neno. Das conclusións falará o representante modestino Elías Mera Lois quen, ademais, se encargará do peche facendo un chamamento ao cumprimento efectivo dos dereitos da infancia.
Xa no mes de decembro -o día 11- a alcaldesa e dúas representantes do Consello Local da Infancia e a Adolescencia, Leticia e Emily, reuniranse coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, no marco dun foro organizado polo seu departamento para dar a coñecer o traballo que desenvolven os CLIAs e os Grupos de Participación Infantil integrados dentro deles