O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que se celebrará un curso en Boiro no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 250.000 euros
A O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución dos Plans Integrados de Emprego para Concellos na comarca do Barbanza. O PIE é unha iniciativa na que colaboran os concellos, e a Xunta para mellorar a formación das persoas desempregadas e para darlle máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.
O representante do goberno autonómico anunciou que na área de influencia do Barbanza realizarase un PIE en Boiro. Este programa permitirá formar a 100 desempregados dos cales cando menos, un 35% lograrán inserirse no mercado laboral. Este curso suporá un investimento na comarca de 250.000 euros.
No conxunto da provincia a Xunta vai desenvolver, nesta nova convocatoria, un total de nove programas integrados grazas a un investimento que supera os 1,9 millóns e chegarán a 900 desempregados. Así, coa participación de 22 concellos a Xunta segue potenciando a colaboración con concellos para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
Ovidio Rodeiro apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.
Entre os programas máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna do Barbanza destacan os 20 cursos do Plan Galego de Formación 2018-2019 (AFD), que contarán cun investimento de 830.000 euros e os 5 Obradoiros de Emprego que suman 1,2 millóns de euros. En total, se lle engadimos o PIE, a Xunta de Galicia investirá en plans de formación da comarca do Barbanza máis de 2,2 millóns de euros.