O Concello e mailo Club de Montaña de Moeche -entidade de recente creación- organizaron para a mañá deste domingo 17 de novembro o I Trail e Andaina “Castelo de Moeche” con saída e chegada na fortaleza medieval e con dúas propostas de percorrido polas parroquias de San Xurxo, Santa Cruz e Labacengos. No momento de redactar esta información -as 17.45h. do xoves 14 e a escasas cinco horas do límite de inscrición- ían apuntadas 248 persoas, das que 129 o fixeron na andaina non competitiva de 12 quilómetros, mentres que as outras 119 reservaron dorsal no trail de 16 quilómetros. Toda a loxística está preparada e agora só falta que o tempo acompañe. Meteogalicia anuncia unha xornada de intervalos con nubes e raiolas salpicadas por algún chuvasco. Nada fóra do común nesta época do ano nin tampouco nada que impida gozar do deporte ao aire libre e da paisaxe modestina. Ademais, as persoas participantes tamén levarán agasallos, participarán en sorteos e reporán forzas cuns petiscos que se servirán ao remate do evento na área recreativa de Souto Grande.
Tralo éxito organizativo das carreiras populares anuais, agora o Concello asumiu o reto de argallar no mesmo día un trail e máis unha andaina con saída e chegada en ambos casos no castelo de Moeche. A área municipal de Deportes conta coa colaboración do Club de Montaña de Moeche, un grupo que acaba de nacer e que se encargou da loxística e do deseño e acondicionamento dos trazados. Ademais tamén prestan o seu apoio a Deputación da Coruña, Protección Civil, a AVV Val de Moeche, a clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, Alalá Turismo Terra e Sons, Lácteos de Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado Moeche e a Taberna Irmandiños.
Tal e como recolle o programa horario, os dorsais deberán recollerse o propio domingo entre as 9 e as 10.15h. da mañá. A andaina comezará ás 10.00h. cun percorrido de 12 quilómetros que discorrerá por camiños, carreiros e pistas asfaltadas de baixa dificultade -o desnivel total serán uns 500 metros-, mentres que o trail deberá completar un itinerario algo máis traballoso de 16 quilómetros de distancia e 820 metros de desnivel positivo.
As rutas seguirán distintos puntos de San Xurxo, Labacengos e Santa Cruz e, segundo o regulamento, quen vaia na andaina -a primeira en saír- sempre deberá cederlle o paso ás persoas que corran o trail. Coa inscrición inclúese o seguro de accidentes e responsabilidade civil, pero desde a organización sinalan que se deberán gardar certas precaucións dado que parte de ambos percorridos cruzarán vías públicas que non estarán cortadas ao tráfico.
A cita tamén estará cuberta cun servizo de ambulancia e asistencia médica, contará con avituallamento líquido e sólido e, ademais, o trail irá cronometrado con microchip. Ao finalizar haberá tamén masaxes post-carreira por cortesía de Fisio-Che Ben e cada participante no trail e na andaina levará un pequeno agasallo de Alalá Turismo Terra e Sons.
A carreira -non a andaina, que non é competitiva- ten dúas categorías con apartado masculino e feminino en cada unha delas: senior -18 a 39 anos- e veterán, para participantes de 40 anos en diante ou que os vaian facer neste 2019. As tres primeiras corredoras e os tres primeiros corredores de cada categoría levarán trofeo. Tamén o haberá para a veciña e o veciño de Moeche que completen o trail en menos tempo e, por último, premiarase con trofeo, medallas e queixos de Lácteos de Moeche ao equipo con máis compoñentes, sempre que indicasen no momento da inscrición que compiten en grupo. Ademais, todas as persoas inscritas no trail levarán unha camiseta e entrarán no sorteo dun vale para un cocido para catro comensais na Taberna Irmandiños.
Tralo remate do trail e da andaina -previsto para as 12.30 ou 13.00h, dependendo do ritmo- estarán abertas as duchas da área recreativa de Souto Grande, onde se servirá un pequeno aperitivo gratuíto a base de fabada, pan e bebida para todas as persoas participantes, mentres que as acompañantes deberán pagar o prezo simbólico de 3€.
Cómpre mencionar tamén que participantes e familias -ou acompañantes- poderán visitar de balde o castelo durante o día e que a organización ofrecerá servizo de gardería, gardarroupa e zona de aparcamento, ademais dunha completa reportaxe fotográfica do evento.