Saturday 16 de November de 2024

O Goberno local comprométese a estudar as necesidades espaciais de Afaco


A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar, Yoya Neira, visitaron esta mañá a sede da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer no barrio das Flores

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar, Yoya Neira, visitaron esta mañá a sede da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer (Afaco) no barrio das Flores. Na reunión abordáronse as diferentes demandas da entidade social e, en especial, as súas necesidades espaciais.

Afaco apuntou que existe unha listaxe de espera para acceder aos seus servizos pero que neste momento non se pode acurtar por mor da falta de espazo nas súas instalacións. Neste senso, lembraron que o Concello, no 2007, cedeulles unha parcela en Eirís para acometer un centro específico para estes pacientes que xa ten proxecto construtivo. Sinalan que este se paralizou ante a falta ou redución do financiamento e entenden que este inmoble permitirá prestar servizo a moitas máis persoas usuarias.

Rey agradeceulle á entidade o “impagable traballo” que leva facendo durante anos nunha cidade, que conta, segundo varias estimacións, con 5.000 persoas afectadas de alzhéimer, e comprometeuse a estudar as demandas de espazo de Afaco co fin de que a entidade poida prestar servizo a un maior número de usuarias e usuarios.