Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades e Cáritas organizan a sexta campaña de Nadal para a recollida de alimentos para familias necesitadas


Terá lugar do 25 de novembro ao 20 de decembro

O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, porá en marcha unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. A campaña, que se organiza por sexto ano consecutivo, estará aberta do 25 de novembro ao 20 de decembro. O obxectivo é recoller alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados.

Este ano mantéñense os habituais seis puntos de recollida: os supermercados Loli (Abellá) e Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades, o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. Este ano, a campaña adianta dúas semanas tanto o seu inicio como a súa fin, polo que o prazo de recollida dos alimentos estará aberto ata o 20 de novembro.

Tras o éxito das anteriores edicións, o alcalde de Frades, Roberto Rey, agradece por adiantado “a colaboración tanto da veciñanza como dos distintos establecementos e entidades implicadas neste importante labor, que nos permitirá axudar ás familias máis necesitadas do municipio nestas datas tan sinaladas”. Durante as cinco primeiras edicións recolléronse uns 400 quilos de alimentos por campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.