Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia organiza obradoiros de sensibilización contra a violencia de xénero para adultos e crianzas para conmemorar o 25N


 

Estes talleres únense á campaña “En negro contra as violencias”, que se desenvolverá do 18 ao 25 de novembro

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Noia, a través do Centro de Información á Muller (CIM), ten previsto desenvolver un amplo programa de actividades para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ademais de sumarse por segundo ano consecutivo á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero “En negro contra as violencias”, o Concello de Noia organizará obradoiros de sensibilización tanto para escolares como para adultos.

Así, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Noia organiza o obradoiro “Machismos sen miopías: visibilizando as devanceiras”, que terá lugar os martes 26 de novembro e 3 de decembro, de 18:00 a 20:30 horas, na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos”. “Trátase dun obradoiro onde coñeceremos e recoñeceremos ás mulleres devanceiras para avanzarmos cara a transformación social xa que só no pasado dormen outros presentes posibles”, apunta a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar Ageitos. A participación é totalmente gratuíta, previa inscrición no CIM ou nos teléfonos 981 82 80 11 ou 981 82 59 78.

Obradoiros en igualdade

Por outra banda, o Concello de Noia está a desenvolver obradoiros en igualdade e prevención de violencia de xénero para o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de FP Básica nos distintos centros educativos do municipio. A partir destes talleres, o alumnado creará uns vídeos sobre esta temática cos que participarán no “IV Concurso de Videocreación contra a violencia de xénero. O mundo é máis grande que un puño pechado. Di non á violencia”.

Os premios deste concurso serán entregados no transcurso dunha gala que terá lugar o luns 25 de novembro e á que asistirán os alumnos e alumnas dos centros educativos participantes. Uns vídeos que poderán ser vistos polo alumnado, profesorado, familias e aquelas persoas que o desexen nun pase que terá lugar o xoves 28 de novembro, ás 19:00 horas, no Coliseo Noela. A entrada será libre e de balde ata completar aforo.

Noia en negro

Así mesmo, a Concellería de Servizos Sociais convoca unha concentración en repulsa contra a violencia de xénero o luns 25 de novembro, ás 20:30 horas, diante da Casa do Concello. E este sábado 16 de novembro terá lugar a segunda e derradeira sesión do Curso de Autodefensa para Mulleres en Situacións Violentas.

Ademais, o vindeiro luns 18 de novembro dará comezo a campaña “En negro contra as violencias”, coa que se busca tinguir de negro todo o municipio ata o 25 de novembro a través dos escaparates dos comercios, dos manequíns, da roupa de traballo… Esta será a quinta edición da campaña “En negro contra as violencias”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Santiago na que o Concello de Noia participará por segunda vez.