Seguridade Cidadá alerta de que este fenómeno meteorolóxico costeiro de nivel vermello comezará mañá pola mañá
Seguridade Cidadá do Concello da Coruña informa dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel vermello, risco extremo, que lle afectará ao litoral coruñés a partir de mañá pola mañá, momento en que se activará a alerta vermella con ventos de forza 8 e 9.
A Concellería de Benestar Social e Igualdade activará na madrugada do venres un dispositivo para persoas sen fogar por mor desta alerta vermella. O protocolo, que se activa por primeira vez na cidade cunha alerta de risco extremo, consistirá na apertura do Centro Cívico dos Mallos durante a noite para que as persoas sen fogar poidan refuxiarse. O SEMUS e a Policía Local colaboran para facer as rutas nocturnas e localizar as persoas que durmen na rúa para informalas da existencia deste servizo do Concello e trasladalas de forma voluntaria ao centro cívico municipal onde poderán pernoitar e comer.
A diferencia desta actuación coas activadas no pasado é a posibilidade de que as persoas sen fogar poidan pernoitar nunha dependencia municipal expresamente aberta para isto. A Concellería anuncia que esta actuación repetirase sempre que haxa unha alerta vermella ou laranxa cunhas condicións meteorolóxicas nas que se requira esta necesidade cun informe previo reportado pola área de Seguridade Cidadá.
Este fenómeno costeiro de risco extremo coincide con mareas vivas e máximos de ondadas próximas á preamar, polo que é probable que teña incidencia en puntos sensibles no litoral. Na cidade da Coruña, a Área de Seguridade Cidadá do Concello informa de que estarán habilitados todos os dispositivos necesarios entre as 15.30 e as 19.00 horas, franxa horaria na que o Paseo Marítimo permanecerá pechado para as persoas viandantes desde a Coiraza ao Playa Club. Tamén hai un dispositivo establecido para cortar o tráfico de vehículos na mesa zona do Paseo Marítimo en caso de que sexa necesario.
Recoméndase non achegarse á zona de costa e lémbrase que o acceso aos areais da cidade non está permitido. Desde o Concello comunícase que a Torre de Hércules e o CIAV permanecerán pechados ao público durante toda a xornada.
A situación manterase ata o final da xornada de mañá e a partir de aí continuarase en nivel laranxa en todo o litoral.