A Fundación Seoane estréase como nova sede do Festival de Fotografía da Coruña, que ofrecerá o venres e o sábado proxeccións, exposicións, conversas, obradoiros e unha feira
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, acudiu esta mañá á presentación da terceira edición do Festival de Fotografía da Coruña FFoco, que estreará o 15 e o 16 a Fundación Seoane como nova sede e laboratorio de ideas. O edificio dará cabida ás propostas expositivas de preto de 40 autoras e autores, xunto a distintas actividades e proxeccións. Algúns dos e das artistas reuníronse hoxe na fundación co edil e coa directora Silvia Longueira para falar dunha iniciativa organizada pola Asociación Recreativo Cultural Acolá, da que destacaron unha importante presenza feminina, “algo necesario que conquista este terceiro FFoco”, segundo o codirector Amador Lorenzo.
Pola súa parte, Enrique Lista, comisario da mostra AlterArte, protagonizada integramente por autoras femininas, reivindicou igualmente a participación de mulleres nunha cita que se consolida no calendario e que supón un punto de encontro entre profesionais e persoas afeccionadas á fotografía documental galega. Aínda que o groso do programa se concentra esta fin de semana, haberá actividades expandidas máis alá das datas centrais.
FFoco será por tanto unha oportunidade para coñecer a fotógrafas e fotógrafos do país construíndo un relato visual e global sobre a Galicia contemporánea en forma de proxección, exposición, en presentacións e conversas, obradoiros e unha feira editorial especializada en fotolibros galegos e latinoamericanos. Ata o vindeiro 8 de decembro, compartirán parede Tono Arias, co seu particular xeito de retratar o Entroido e o carácter galego, o Colectivo Juan Nadie e as imaxes escenificadas de David Barreiro, que afondan sobre a performatividade masculina en determinadas contornas laborais. Completarán a mirada un total de 15 fotógrafas presentes na Colección Alterarte, que cuestionan os roles femininos socialmente asignados. Elas son Lidia Alonso, María Covadonga Barreiro, María Blanco, Mónica Cabo, Mar Caldas, Marta Cerviño, Olaia Fernández, Julia Ferradás, Melania Freire, Maya Kapouski, Anna Katarina Martin, Sheila Pazos, Ana Pérez-Quiroga, María Prada e Sara Sapetti.
No apartado de proxeccións, Bernardo Villanueva, Daniel Vieito, Isra Cubillo e Jacobo Ameneiro realizarán un percorrido fotográfico por diferentes barrios coruñeses e o festival daralle carta branca a diferentes autoras e autores para que ensinen as súas creacións máis recentes. Ariadna Silva Fernández, Iván Nespereira, Lorena Varela, Matteo Bertolino, Nacho Alonso e Óscar Paris expoñerán o seu xeito particular de entender esta arte nun evento que será tamén feira. Nela participarán as principais editoriais galegas que se dedican ao fotolibro como Banco Editorial, Dispara e Fawbooks, xunto á venezolana La Cueva. Neste apartado, Bartlebooth, Carolina Martínez, Daniel Vieito, Eduardo Torres e Rosa Neutro, Jacobo Ameneiro, Nicolás Combarro e Yatir Fernández presentarán as súas publicacións e realizarase un reading room, guiado por Diana Vilera, que reunirá unha selección da mellor produción latinoamericana de libros de fotografía.