Friday 22 de November de 2024

Os obradoiros de sensibilización contra a violencia  de xénero, Machismos sen miopías, en Ordes  a partir da vindeira semana


Dirixidos ao público xeral, desenvolveranse ao longo de dúas sesións nas que se aplicarán distintas dinámicas de grupo centradas no tema da pornografía. As persoas interesadas xa se poden inscribir a través do CIM da Mancomunidade

A partir da vindeira semana Ordes acollerá Machismos sen miopías. Trátase dun programa de actividades socioeducativas dirixido a o público xeral a partir dos 8 anos de idade e que ten como obxectivo previr as violencias machistas identificándoas no noso día a día. Traballarase especialmente na prevención das violencias cualificadas como de baixa intensidade, informando sobre os recursos existentes para facerlles fronte e ofrecendo ferramentas para desactivalas.
Para lograr isto desenvolveranse unha serie de obradoiros participativos en torno a diferentes temáticas nos que as persoas participantes serán o eixe central da sesión. Como resultado final confeccionarase a Mostra das Violencias Invisibles, composta de obxectos que funcionen como símbolos desas violencias invisibles abordadas durante os obradoiros. Todos estes obxectos serán fotografados para a confección dun catálogo dixital que achegará unha visión profunda e complexa das diferentes formas de violencias machistas.
As sesións terán lugar os días 20 e 27 deste mes nos baixos da alameda de Ordes de 17.30 a 20 horas en ambos os casos. Para poder participar haberá que inscribirse previamente no CIM da Mancomunidade de Ordes (Rúa Xoxardo, Ordes), ou ben a través do seu Facebook, do correo electrónico cim@mancomunidadeordes.gal, ou chamando ao 981682108.
Na charla programada para o vindeiro mércores o tema central sobre o que se traballará será a pornografía e a súa influencia nas condutas de violencia machista. Entre os enfoques previstos, que servirán de base para traballar as distintas dinámicas, sinálanse a falta de educación sexual, a facilidade que brindan as novas tecnoloxías para acceder a contidos pornográficos e a capacidade e facilidade da industria pornográfica para facer prevalecer os seus intereses.

Infancia

Outros aspectos que se abordarán serán a imaxinación erótica e a curiosidade na infancia e adolescencia, que tipo de pornografía se consome e se produce, a importancia que ten no fomento da denominada cultura da violación e as consecuencias que pode ter na construción das identidades e dos modelos de relación de nenas e nenos. Sobre todo isto ofreceranse distintas recomendacións.

Para concluír este primeiro día de traballo levarase a cabo un debate, a presentación da actividade Reto 48 horas sen violencia machista e da Mostra das Violencias Invisibles.

De cara á segunda sesión (27 de novembro) a dinámica programada consistirá na posta en común do Reto 48 horas sen violencia machista, facer un repaso do máis significativo de todo o abordado e traballar cos obxectos que conformarán a Mostra das Violencias Invisibles, a cal quedará instalada na Biblioteca Municipal de Ordes.
Ademais de en Ordes, Machismos sen miopías desenvolverase ao longo das vindeiras semanas en Betanzos, Noia, Boiro, As Pontes, Rianxo, Sada, Fene, Teo e Padrón. Esta actividade está financiada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ordes.