Saturday 16 de November de 2024

O Concello cédelle unha furgoneta á Asociación Axuda a Superar Enfermidades Raras (ASER) para a recollida de tapóns de plástico


 

A alcaldesa Inés Rey recibiu as persoas representantes de ASER para asinar a acta de entrega do vehículo que o Goberno local lle cede gratuitamente á entidade coruñesa

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, recibiu esta mañá en María Pita, xunto ao director da Área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, o presidente da Asociación Axuda a Superar Enfermidades Raras (ASER), Juan Javier García Barreiro, e outras persoas representantes da entidade coruñesa para a sinatura da cesión dunha furgoneta por parte do Concello á asociación.

O vehículo cedido perténcelle ao parque móbil municipal e “neste momento non se estaba a utilizar”, explicou a rexedora, quen tamén expuxo que o Concello pon o seu “gran de area para colaborar coa asociación e para que a recollida de tapóns que levan a cabo sexa en mellores condicións e con maior capacidade”.

ASER é unha asociación relativamente nova, apenas ten dous anos de vida, pero a actividade que están a desenvolver é, en palabras do seu presidente, “frenética e moi activa”. García Barreiro valorou a cesión do Concello como “unha axuda importantísima que supón un impulso para a asociación xa que a recollida de tapóns é a nosa actividade principal e este é un instrumento moi importante para a realización da dita recollida”.