O Concello de Noia vén de rematar as obras de mellora do alumeado, ventilación e mobiliario do inmoble da casa consistorial, un proxecto que contaba cun prazo de execución de dous meses pero que finalmente foi executado en pouco máis dun mes. Unhas obras que supuxeron un investimento de 39.892,9 euros, dos que 27.928,08 euros foron financiados pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.
“Os traballos permitiron mellorar o alumeado e ventilación das instalacións municipais situadas na planta baixocuberta, é dicir, urbanismo, promoción económica, medio ambiente, orientación laboral, consumo e servizo municipal de augas, onde non se cumprían as condicións mínimas de habitabilidade das que debe dispoñer un posto de traballo. As obras consistiron na instalación dunhas fiestras tipo velux e a substitución dos fluorescentes por un alumeado máis eficiente tipo LED, así como a instalación de radiadores e armarios modulares”, explica o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón.
Estas obras non afectaron a ningún elemento estrutural do inmoble da casa consistorial noiesa, edificio singular de estilo historicista de interese como símbolo urbano que no seu interior conserva parte do antigo claustro do convento de San Francisco. Este edificio era en orixe unha construción medieval ou casa conventual coñecida como Convento de San Francisco de Noia. A súa localización neste lugar da vila é consecuencia do traslado da casa monacal primitiva (ano 1396) desde o lugar de Sueiro (Argalo), ao terreo extramuros denominado Agra das Viñas, no ano 1522.
Os traballos so afectaron ao forxado de cuberta, que foi executada nos anos 70 e que non dispón de ningún tipo de interese histórico, tal e como confirmou no seu ditame favorable a Comisión de Seguimento do Plan Especial de Reforma Interior e Conservación Artística do Casco Histórico (PEPRICH) de Noia. Unha comisión que especificou que as novas fiestras terían un tamaño máximo de 78 x 98 centímetros e que as velux se instalaran no corpo lateral, non na fachada.