Friday 22 de November de 2024

O Pleno esíxelle á Xunta que inclúa nos seus orzamentos investimentos vitais para impulsar a economía da cidade


A Corporación aprobou en sesión extraordinaria reclamarlle ao Goberno autonómico un maior investimento en servizos públicos, políticas de vivenda e sistema educativo, así como que cumpra os compromisos adquiridos en convenios anteriores

A Corporación Municipal aprobou en sesión extraordinaria unha emenda avalada polos votos de PSOE, Marea Atlántica, BNG e Cidadáns, para lle esixir á Xunta que inclúa nos seus orzamentos para 2020 investimentos vitais para impulsar o desenvolvemento económico da cidade en especial nun momento de declive industrial. Pídelle ao Goberno galego que incremente as súas partidas orzamentarias para a cidade e reclámalle un maior compromiso coa Coruña e coa súa área metropolitana. A proposta será enviada ao Parlamento antes da aprobación definitiva do documento.

Para o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, os orzamentos evidencian ”a falta de compromiso do executivo de Feijóo coas coruñesas e os coruñeses e a discriminación permanente da Xunta cara á cidade”. Desta maneira, é incapaz mesmo de cumprir con compromisos adquiridos con anterioridade á redacción deste documento e inclúe de maneira sistemática proxectos que nunca chegan a se materializaren. “Todos sabemos que as partidas xenéricas son un caixón desastre que serve para contar aquí o mesmo que en calquera outro municipio, como sucede co proxecto do centro de saúde en Santa Lucía que aparece reflectido nunha partida para centros de saúde en toda Galicia”, sinalou Lage.

Por iso, o Pleno esíxelle ao Goberno de Feijóo que modifique o proxecto orzamentario e concrete nunha partida os 6,5 millóns para o centro de saúde e desbloquee deste xeito un proxecto que a cidade leva anos esperando. Para o Goberno local o compromiso de 2 millóns para a futura ampliación de CHUAC non pode supor unha merma do investimento noutros ámbitos da atención primaria.

O posicionamento dos grupos da Corporación sobre as contas autonómicas, a excepción do Partido Popular, foi claro. Trátase, expuxeron, duns orzamentos “tacaños” e “cheos de trampas”, cun investimento que sitúa a cidade “moi por baixo da media doutras cidades galegas”.

Todos os grupos criticaron o seu carácter propagandístico e a defensa electoralista por parte dos populares dun documento que “reflicte a dimisión continua da Xunta no exercicio das súas responsabilidades”, apuntou o edil socialista Lage Tuñas.
O portavoz lembroulle ao PP “a vontade do Goberno local de mirar cara ao futuro”. É importante, dixo, que deixen de lado os seus intereses partidistas e eleven a voz para defenderen os intereses da cidade “como fixo a alcaldesa cando tivo que poñer nunha balanza os intereses do seu partido e os da cidade”.

A proposta do Pleno coruñés denuncia o investimento “insuficiente” no sistema educativo. Considera indispensable que os orzamentos inclúan a construción dunha escola infantil para complementar a oferta municipal, así como a consignación de
3,2 millóns de euros para as obras de reparación de cubertas dos CEIP San Pedro de Visma e Curros Enríquez. Ademais, apuntan que son necesarios traballos de mantemento e reparación nos colexios de Labaca, Ramón de la Sagra e Manuel Murguía, así como incrementar o número de docentes de apoio para os nenos e as nenas con necesidades educativas especiais.

Puxeron sobre a mesa os proxectos que, como a Intermodal, levan anos de atraso.

Unha actuación á que a Xunta prevé destinar a “simbólica” cantidade de 365.000

euros. O Goberno local, sinalou o voceiro socialista, xa lle deu o visto e prace ao desenvolvemento urbanístico necesario para sacar adiante a Estación Intermodal.

Ademais, PSOE, BNG y Marea sinalaron que o documento da Xunta non reflicte o seu compromiso coa Cidade das TIC, un proxecto estratéxico para crear un polo tecnolóxico que xerará emprego para a cidade e a súa área metropolitana, non inclúe o pago da débeda de cinco millóns á Orquestra Sinfónica de Galicia, ignorando unha demanda reiterada do Concello e o acordo unánime da Corporación o pasado mes de outubro, e tampouco recolle investimentos para o modelo de tratamentos de residuos de Nostián, nun momento no que se renova a concesión para a xestión da planta.

No ámbito social, sinalaron que o maior investimento neste campo parte da iniciativa privada ao incluír a doazón da Fundación Amancio Ortega para construír unha residencia de anciáns nunha parcela en Eirís cedida polo Concello. Pídenlle á Xunta que cando menos incremente nun millón de euros os fondos que achega no Plan Concertado de Servizos Sociais, tanto para a prestación dos servizos como para a contratación de persoal, en especial na atención á dependencia.

E esíxenlle á Xunta que suprima o copago no servizo de axuda a domicilio que, ademais de ser inxusto, invade competencias municipais, indicou Lage Tuñas, quen tamén denunciou a falta de políticas de vivenda da Xunta na cidade, “xa que volve a consignar 3 millóns de euros para a promoción de vivendas no Ofimático”. Para a maioría da Corporación “é preciso un maior compromiso da administración autonómica na promoción da rehabilitación e a vivenda pública”.