A alcaldesa valorou a xornada como “unha oportunidade para compartir experiencias sobre unha das cuestións que prevalecen neste concello, e en concreto na Área de Medio Ambiente, como é a xestión dos residuos orgánicos”
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, participaron esta mañá no acto de inauguración do IV Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Sustentabilidade que ten lugar durante toda a xornada no Palexco.
Rey abriu o acto aludindo á situación actual: “Un momento decisivo da nosa historia, un momento crucial para o futuro das cidades e das persoas que cohabitan nelas” e, asegurou, “a toma de conciencia sobre o cambio climático ten que encamiñarse a traballar nas políticas de medio ambiente das grandes urbes. É un anaco de esperanza para loitar contra esa grande enfermidade causada polas persoas”.
A rexedora valorou o seminario como “unha oportunidade para compartir experiencias sobre unha das cuestións que prevalecen neste concello, e en concreto na área de Medio Ambiente, como é a xestión dos residuos orgánicos de maneira que non contaminen e que deriven en novos usos” e matizou que “estamos abrindo un camiño para reducir o consumo e o lixo porque cremos que é importante que o Concello premie a cidadanía comprometida para que esta contaxie o resto. Deste xeito, chegaremos a normalizar a presenza de composteiros na Coruña”.
O acto de inauguración deu paso á videoconferencia de Jorge Díaz del Castillo, membro da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea sobre o
paquete lexislativo europeo da economía circular. A continuación, expóñense as diferentes experiencias no campo dos residuos orgánicos coa presenza de Salustiano Mato (Universidade de Vigo), que fala da compostaxe comunitaria e doméstica; César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, quen aborda o proxecto Revitaliza, tamén sobre este proceso de transformación do lixo en fertilizante; Susana Lopes, de LIPOR ( Serviço Intermunicipalizado de Gestão de Resíduos do Grande Porto); e Javier Ramírez, do Concello da Coruña, que tratan a recollida selectiva de residuos orgánicos.
O evento remata coa participaión de Sofía Ferreira, da Câmara de Guimarães, que presenta o caso particular de implementar un sistema de pago por xeración no centro histórico da cidade portuguesa. Ademais, o encontro reforza tamén o vínculo da Rede de Enerxía Sustentable da Coruña, un instrumento de participación ao servizo das políticas de loita contra o cambio climático, onde están representadas preto de 80 entidades convidadas a esta cita e que se suma aos máis de 30 especialistas de 30 especialistas de todo o Eixo Atlántico.