Representantes de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe participarán hoxe e máis mañá en Santiago no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. O encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. San Sadurniño, como membro do Fondo e concello que asumiu a vicepresidencia do seu Consello asistirá ás xornadas e, ademais, tamén participará esta tarde nunha mesa redonda sobre a aplicación de políticas de desenvolvemento sostible.
O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abriu ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, e coa inauguración oficial, na que participa a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA). O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países. Representantes de concellos galegos como San Sadurniño e As Pontes estarán na mesa de boas prácticas a partir das 15.30 horas.
A segunda xornada do encontro que se desenvolverá mañá mércores dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega.
Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal.