Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de preinscrición na Campaña de Inverno da Deputación da Coruña


 

A Deputación da Coruña volve poñer en marcha a campaña de esquí na estación invernal de Cabeza de Manzaneda para escolares de toda a provincia. No programa pode participar rapazada empadroada en San Sadurniño con idades comprendidas entre os 11 e os 15 anos ou que os vaian ter feitos a 31 de decembro de 2020. Desfrutarán de catro días na neve -do 14 ao 17 de febreiro- con aloxamento e mantenza, ademais de cursos de esquí e outras actividades. A San Sadurniño correspondéronlle tres prazas que se poden solicitar desde hoxe mesmo na Casa da Cultura. Daráselle prioridade na asignación a quen nunca participase nas campañas de inverno da Deputación e se houbese máis peticións que vacantes farase un sorteo público. A viaxe ten un prezo de 85 euros que han de ingresarse na conta facilitada pola Deputación só no caso de que se obteña a confirmación de praza.

A Deputación asume a maior parte dos gastos ocasionados pola campaña: transporte dende os puntos de recollida, estancia, manutención, monitorado, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes e actividades complementarias.

A rapazada compartirá estadía con cativas e cativos doutros concellos da zona, como Cerdido, Moeche, Narón, Neda, As Somozas e Valdoviño, ademais de Ares, Cariño, Cedeira, Ortigueira, Ferrol, Mañón e A Coruña. A Deputación asigna un número determinado de prazas para cada municipio atendendo a criterios poboacionais e logo agrupa os concellos por proximidade asignándolle a cada grupo unha quenda determinada. No caso de San Sadurniño e dos demais municipios a entrada na estación será o venres 14 de febreiro antes do xantar e o regreso está programado para o luns 17 a primeira hora da tarde.

Porén, antes diso será necesario que as familias interesadas fagan unha preinscrición na Casa da Cultura presentando cuberta a ficha que se pode descargar na ligazón que hai algo máis abaixo. O prazo está aberto desde hoxe e rematará o 4 de decembro. Terán prioridade no acceso ás prazas os nenos e nenas que nunca fosen á neve coa Deputación. Se se recibisen máis solicitudes que as tres prazas dispoñibles a asignación farase mediante un sorteo público perante o Secretario municipal o luns 9 de decembro ás 12.30h. tamén na Casa da Cultura.

Unha vez que se confirme a adxudicación das prazas, non antes, as familias deberán facer o ingreso dos 85€ que custa a viaxe no número de conta facilitado pola Deputación que figura no folleto informativo