A través desta campaña sobre a toponimia galega ofrecerase, entre outra, información sobre os nomes de lugares e espazos da comarca. A cita será en aberto para todas as persoas interesadas
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate chegará a Ordes a vindeira semana. Concretamente será o luns, 18 de novembro, ás 16.30 horas na Casa da Cultura, cando teña lugar a charla dirixida a todas as persoas interesadas. Será impartida por Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), quen conta coa colaboración de Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente.
Entre os obxectivos deste proxecto figuran achegarlle á cidadanía información sobre a historia do galego falado na súa contorna e modos de vida dos seus antepasados, feitos históricos relevantes e as características da paisaxe no momento no que se lles outorgou unha denominación; fornecer ao persoal técnico municipal das ferramentas necesarias que lle facilite a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio; fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova e aplicala ás novas tecnoloxías; buscar a participación da comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos maiores, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial. A transversalidade dos contidos toponímicos fai que sexan interesantes e útiles para múltiples traballos de investigación que promova o concello ou por iniciativa dos eruditos locais. Tamén cómpre sinalar a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos tanto materiais e inmateriais que posúe.
Toponimízate está promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do proxecto europeo GEOARPAD.