Saturday 23 de November de 2024

Benestar Social poñerá en marcha un programa para que a cativada con necesidades educativas especiais poidan participar nas actividades da Concellería


 

Inés Rey e Yoya Neira reuníronse esta mañá con representantes da anpa Anpanee para analizar a posibilidade de abrir unha liña de colaboración conxunta no ámbito da inclusión

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira anunciou esta mañá que a súa concellería poñerá en marcha un programa de apoio que permitirá que as nenas e os nenos con necesidades educativas especiais poidan participar nas actividades socio-culturais e de ocio que se ofertan desde Benestar Social cun programa personalizado as súas necesidades. Trátase de dar unha resposta a aquilo que requiren estes nenos, e non de poñer o foco nas súas limitacións.

Realizarase, dixo a concelleira, unha adaptación curricular do itinerario das actividades como fan nos colexios. “Non se farán actividades específicas, senón que se adaptarán as que xa existen ás súas necesidades”, explicou a concelleira.

A alcaldesa, Inés Rey, e a Concelleira de Benestar Social, Servizos Sociais e Igualdade Yoya Neira, reuníronse esta mañá con representantes do Anpanee, unha anpa para nenas nenos con necesidades educativas especiais aos que lles explicaron os proxectos dedicados á diversidade que o Concello quere desenvolver para lograr unha maior inclusión social.

Anpanee, que denuncian desde principios de curso a falta de profesorado para a diversidade, mostrou a súa total disposición a colaborar co Concello no ámbito da diversidade e cualificou de “moi positivo” este primeiro encontro que serviu para presentarse

e poñer sobre a mesa os problemas aos que se enfrontan as familias con nenas e nenos con necesidades especiais. A súa intención, explicou a súa presidenta Paula Fernández, é dar voz e visibilizar a cativada con diversidade non só no ámbito educativo, senón tamén no social e de lecer.