Saturday 16 de November de 2024

O Concello elixe as imaxes que ilustrarán o “Calendario Municipal 2020”


Representantes de distintas forzas políticas e fotoxornalistas escolleron as doce fotografías da cidade que van acompañar graficamente cada mes do ano que vén e que se completarán con
outras doce históricas

O Concello conformou xa o novo “Calendario municipal 2020”, despois de que o xurado se reunise esta mañá para elixir as doce estampas que van acompañar graficamente cada mes, xunto con doce históricas da cidade. Representantes das distintas forzas políticas, como a alcaldesa Inés Rey, as concelleiras Claudia Delso e Mónica Martínez e o edil Roberto Coira decidiron, de maneira conxunta cun grupo de fotoxornalistas, a imaxe que figurará na portada, unha obra de Chema Ríos. As outras persoas gañadoras foron Ricardo Rodríguez Martínez, Francisco Morales Rey, Antonio Soto Rey, Alexandre Varela, Eduardo Mosqueira Rey, José Luis Sanz Campaña, José Fachal Mosteiro, José Luis López Bermúdez, José Manuel Cereixo Garea, María Jesús Silva López, Xosé Duncan e
Carlos Briones Bioslada.

Nesta edición, a temática das fotografías versou sobre o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico do municipio. Á hora de escoller a ducia de instantáneas, o xurado tivo en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a calidade técnica e a súa orixinalidade, tal como quedou explicitado nas bases do certame. Ademais, seleccionou outras seis propostas que integrarán unha
‘listaxe de reserva´, das que tamén se poderá elixir unha fotografía para a primeira páxina. As/os gañadoras/es recibirán como premio un libro de fotografía e desfrutarán dun acceso gratuíto por un ano aos Museos Científicos Coruñeses para

dúas persoas, ademais de dez copias do almanaque, en que aparecerán publicadas as imaxes das que son autoras e autores.