Executarase unha fonte natural con tratamento de potabilización a partir da captación de auga do albergue de peregrinos ubicado no lugar de Hospital
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a construción dunha fonte de auga potable na contorna do albergue de Bruma, en Mesía, no Camiño Inglés.
Esta actuación, adxudicada a Sondeos Mar, S.L.U., conta cun orzamento de máis de 6.000 euros e un prazo de execución dunha semana.
Executarase unha fonte natural con tratamento de potabilización a partir da captación de auga do albergue de peregrinos, ubicado no lugar de Hospital, na parroquia de Bruma.
Esta intervención está enmarcada no proxecto Life Water Way, máis concretamente na liña para crear un novo concepto de auga natural a través das fontes e demostrar a súa viabilidade no Camiño de Santiago.
Nesta iniciativa, na que o coordinador é o Concello de Abegondo, tamén participan Augas de Galicia, a Consellería de Sanidade, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, a Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Trátase de poñer en marcha estas actuacións como exemplo de mitigación dos impactos ambientais derivados do consumo de auga embotellada nas sendas e itinerarios culturais europeos.
Paralelamente, o proxecto pretende determinar unha estratexia que permita recuperar as fontes naturais como solución de micro-abastecemento en áreas onde non chegan as redes centralizadas de augas de consumo.
Con esta iniciativa ensaiarase a eficacia dun novo sistema de tratamento alternativo que presenta como vantaxes o emprego de enerxías renovables, un baixo mantemento e o control online da fonte.