A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou o IV Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Sostibilidade, que terá lugar en Palexco
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou esta mañá o IV Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Sostibilidade, que reunirá o martes que vén en Palexco a representantes das principais cidades do Eixo Atlántico. A edila sinalou que cando asumiu a responsabilidade de levar unha área como a de Medio Ambiente, un dos obxectivos que se marcou, ademais de xestionar os servizos públicos de maneira que funcionen en óptimas condicións, foi o de converter a cidade en foro de debate e loita contra o cambio climático, en punta de lanza para favorecer a economía circular e a sostibilidade.
Desde a concellería non dubidaron en presentar a candidatura para ser sede deste cuarto seminario, que se realiza anualmente e que é xa unha referencia dentro da Eurrexión que abarca Galicia e o norte Portugal, “o instrumento de intercambio de coñecemento máis importante no campo de sostibilidade local e que tratará nesta edición o tema da xestión de residuos orgánicos con responsables técnicos e conferenciantes de recoñecido prestixio”.
Fontán explicou que as persoas expertas presentarán casos de éxito postos en marcha en cada territorio relacionados coa xestión ambiental, “abrindo así o camiño para a organización dos recursos grazas á transferencia de experiencias duns lugares a outros como mostra de xenerosidade entre as cidades”.
O programa iniciarase coa inauguración ás 09.30 horas por parte da alcaldesa Inés Rey, a propia concelleira e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, que darán paso á videoconferencia a cargo de Jorge Díaz del Castillo, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, que versará sobre o paquete lexislativo europeo da economía circular. A continuación, expoñeranse as diferencias experiencias no campo dos residuos orgánicos coa presenza de Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, que falará da compostaxe comunitaria e doméstica; Cesar Mosquera, da Deputación de Pontevedra, que abordará o proxecto Vitaliza, tamén sobre esta forma de transformar o lixo en fertilizante; Susana Lopes, de LIPOR (Serviço Intermunicipalizado de Gestão de Resíduos do Grande Porto) e Javier Ramírez Núñez do Concello da Coruña, que abordará a recollida selectiva de residuos orgánicos.
O evento rematará coa participación de Sofía Ferreira, da Câmara de Guimarães, que presentará o caso particular de implementar un sistema de pago por xeración no centro histórico desa cidade. Ademais, o encontro reforzará tamén o vínculo da Rede de Enerxía Sostible da Coruña, un instrumento de participación ao servizo das políticas de loita contra o cambio climático, onde están representadas preto de 80 entidades convidadas a esta cita e que se sumarán aos máis de 30 especialistas de todo o Eixo Atlántico.
Para Fontán será un punto de arranque de ouro nese obxectivo que nos marcamos de convertermos nun referente na xeración de ideas e proxectos, en punto de encontro e de debate ao máis alto nivel científico e técnico “cun sólido compromiso de traballo e conciencia cun planeta e unha cidade máis sostible e eficiente que poña a loita contra o cambio climático e a economía circular como unha prioridade”, afirmou a concelleira.