Marisol Villar fai un chamamento á colaboración de todo o comercio e da cidadanía para tinguir Noia de negro do 18 ao 25 de novembro
O Concello de Noia súmase por segundo ano consecutivo á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero “En negro contra as violencias”, á que actualmente están adheridos 118 municipios de diferentes cores políticas, tres deputacións provincias e máis de 8.000 axentes colaboradores. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar Ageitos, explica que “o obxectivo desta campaña é facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, polo que buscaremos a implicación do tecido asociativo, económico, cultural, deportivo e social de Noia para dar unha resposta colectiva ante as violencias”.
Con esta campaña, o Concello de Noia busca tinguir de negro todo o municipio do 18 ao 25 de novembro a través dos escaparates dos comercios, dos manequíns, da roupa de traballo… “pedimos a colaboración de todo o comercio e da cidadanía para voltar a vestir de loito o noso municipio en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia de xénero”, apunta Marisol Villar, quen engade que “a violencia machista é un problema público, de toda a cidadanía, e porque queremos Noia libre de violencias machistas”.
En caso de que a persoa ou establecemento que queira participar na iniciativa non dispoña do material preciso, só deberá dirixirse ao CIM de Noia (981 828 011, cim.noia@hotmail.com ou na rúa do Curro, 1. 1º andar) para solicitalo. O prazo para facelo remata o vindeiro 13 de novembro. Esta será a quinta edición da campaña “En negro contra as violencias”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Santiago na que o Concello de Noia participará por segunda vez.