Promovido polos Concellos de Lousame e Noia, conta cunha achega de 336.446 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; e a secretaria da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Patricia Rodríguez Franco, recibiron oficialmente esta mañá ao alumnado e profesorado que forman parte do Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019. Un taller de formación dual que formará a un total de 20 persoas na especialidade de aproveitamentos forestais durante os próximos 9 meses e que conta cunha subvención de 336.446 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao acto asistiron tamén o primeiro tenente de alcaldesa de Lousame e concelleiro de Obras, Ramón Martínez; e as concelleiras de Parques e Xardíns, Mariola López; e Relacións Veciñais de Noia, Beatriz Rodeiro.
A alcaldesa de Lousame, como promotora da iniciativa, pediu ao alumnado que “reflexionedes sobre os fondos públicos que se destinan a este obradoiro e aproveitedes ao máximo a formación que se pon á vosa disposición porque vos pode servir para optar a un emprego”. Neste sentido, destacou que 210.878 euros da achega da Xunta destínanse integramente aos gastos salariais do alumnado participante durante os 9 meses que dura a iniciativa. “É o segundo obradoiro que facemos desta modalidade”, engadiu Villaverde Pais, quen indicou que “temos moitas zonas verdes e áreas que intentamos protexer, onde se farán plantacións, eliminaranse especies foráneas…”.
Pola súa banda, o alcalde de Noia salientou que “a colaboración dos dous concellos fixo posible que xa compartiramos outros obradoiros porque a experiencia sempre foi satisfactoria”. Santiago Freire tamén fixo fincapé no feito de que “o traballo que se faga no obradoiro repercutirá dunha forma importante nos veciños, que se beneficiarán desas actuacións que contribuirán a mellorar o aspecto dos parques e xardíns”.
Finalmente, Patricia Rodríguez Franco destacou que “os obradoiros de emprego son un instrumento moi eficaz para a empregabilidade porque son servizos que buscan a cualificación profesional e a inserción laboral”, puntualizando que durante os vindeiros meses estes 20 alumnos e alumnas recibirán “unha formación de gran calidade que lles permitirá acceder a un certificado de profesionalidade para mellorar o currículum e conseguir un acceso máis doado ao mercado laboral”.
Obradoiro de emprego
O Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019 conta cunha achega de 336.446 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a formación de 20 alumnos/as-traballadores/as na especialidade de aproveitamentos forestais e cunha duración de 9 meses, así como 7.500 euros para incentivos á contratación.
Entre as actuacións previstas figuran melloras en áreas verdes de Lousame e de Noia. Así, en Lousame están previstas actuacións de mellora no parque de San Lourenzo, onde o Concello traballa para conseguir a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local para incrementar a súa protección. Tamén están previstos actuacións en espazos naturais da Silva, Aldeagrande, Bouciñas e Vilacoba.
No caso de Noia, contémplanse actuacións de mantemento e mellora de espazos naturais como o Monte do Bolo, na área recreativa da Barquiña, na contorna do local social de Barro ou en parcelas municipais en Bergondo e San Paio.