Saturday 16 de November de 2024

Política Social suma a cadea de restaurantes VIPS ao programa Carné Xove


Os establecementos desta firma aplicarán un desconto do 10% todos os días da semana a calquera hora ás mozas e mozos titulares do carné
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o xerente da zona norte da cadea de restaurantes VIPS, Francisco Díaz Senra, asinaron o compromiso de adhesión ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia. Tamén estivo presente o responsable de acordos comerciais da cadea, Pablo García Gámez. As mozas e mozos que sexan titulares do Carné Xove beneficiaranse dun desconto do 10% todos os días da semana a calquera hora nos establecementos que esta cadea ten abertos nos centros comerciais que esta cadea ten abertos en Galicia.

Ademais, VIPS estrea a súa incorporación ao Carné Xove cunha promoción de lanzamento de 2×1 de domingo a xoves a partir das 18,00 horas para consumos superiores a 13 euros. Esta oferta prolongarase ata o vindeiro día 5 de decembro.

Esta cadea de restaurantes é a última incorporación a un programa ao que tamén se sumou este ano a Federación de Libreiros de Galicia; os centros Adams da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela; o Centro Británico de Idiomas de Santiago de Compostela e Milladoiro ou o Concello de Arbo, que ofrece descontos do 50% no acceso á piscina municipal aos titulares do carné.

O Carné Xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos coa que se obteñen descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos a esta iniciativa.

A día de hoxe, son preto de 40.000 as rapazas e rapaces que desfrutan dos beneficios deste programa en Galicia. Estes poden acceder a descontos e outras vantaxes en servizos e produtos dos establecementos adheridos a este programa, os cales pertencen a diferentes ámbitos: o cultural, do lecer, da mobilidade e da formación, entre outros. Ademais, o Carné Xove leva incorporado un seguro gratuíto para cubrir as continxencias que poidan xurdir nas viaxes que fagan os seus titulares.

Cómpre lembrar que as mozas e mozos que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % terán dereito á expedición gratuíta deste carné, así como as persoas vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos.