A alcaldesa comprométese a estudar a petición de Ángel García Seoane antes de que remate o ano
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse hoxe co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, co fin de abordar as melloras de mobilidade na área metropolitana e máis concretamente no concello limítrofe oleirense. Á xuntanxa tamén acudiu o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada. Rey escoitou a demanda do seu homólogo de Oleiros de manter durante todo o ano o percorrido da liña de autobús 1A ata Santa Cristina. A rexedora anunciou que estudará co persoal técnico e xurídico do Concello a posibilidade de manter durante todo o ano esta liña aínda que a priori non ve ningún problema para concretar esta proposta do Concello de Oleiros.
O Goberno local aposta pola mellora das conexións do transporte público entre a cidade e súa área metropolitana. “Temos que mellorar e ampliar os servizos coa área metropolitana posto que A Coruña non pode estar illada dos concellos que a rodean”. As cifras do servizo do pasado verán foron boas, segundo o estudo da Compañía de Tranvías, polo que, apunta Rey, “trátase dun servizo público que pode axudar a liberar a masiva entrada de vehículos privados na cidade”.
Rey tratará con Mobilidade esta reivindicación e espera ter unha resposta antes de que remate o exercicio.