A alcaldesa e a concelleira de Innovación, Eva Martínez Acón, presentaron a vixésima edición dos Premios Emprende, organizados polo colectivo, e que se outorgarán o 21 de novembro nunha gala en Finca Montesqueiro
A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Innovación, Eva Martínez Acón, participaron esta mañá na presentación do XX Premio Emprende, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios-AJE Coruña, e que repartirá 27.000 euros en galardóns o vindeiro 21 de novembro nunha gala en Finca Montesqueiro.
A rexedora destacou que a iniciativa do colectivo de distinguir as mellores ideas emprendedoras que afloran na provincia é clave para darlles aos mozos e ás mozas as pílulas necesarias para que non tiren a toalla e valorou a traxectoria de vinte anos de AJE poñéndolles medallas a quen hoxe “son un nome, un referente dentro dun campo en concreto. Quen subirá á palestra o 21 tamén o será nun futuro. Supoñen riqueza e emprego, crecemento económico nunha Coruña que necesita un impulso”.
A rexedora recordou que o tecido empresarial verase beneficiado por un proxecto como a Cidade das TICS, da que poderán transvasar tecnoloxía e darlles forma a novidades que melloren os seus produtos, avalados por profesionais expertos”. Rey falou da importancia de ter a actitude axeitada para que o emprendemento dea resultados, “esa actitude é a que temos que distinguir” e insistiu en que esas “lampadiñas” que no seu día se acenderon, hoxe son xa realidades que desde AJE
queren aplaudir para que se expandan e que a cidadanía as coñeza e transcendan máis alá de Galicia e o Estado co fin de que se convertan en referentes, igual que o son outras marcas coruñesas que hoxe “nos colocan como principais produtores en sectores como a moda ou a alimentación”.
Pola súa parte, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios-AJE Coruña, Miguel Miragaya, explicou que os premios abranguen dúas categorías e tres accésit cos que recoñecerán o labor daquelas persoas “que deixaron a un lado temores e dificultades para crearen unha empresa que xera riqueza”.
O único requisito que deben cumprir é que o capital social das empresas candidatas deberá estar participado nun 25% como mínimo por persoas físicas menores de 41 anos. Poderán presentarse propostas ata o 15 de novembro na asociación, onde se pode solicitar máis información. Ademais, os requisitos están colgados en www.emprendecoruna.com e tamén se poden consultar a través do teléfono 981 915 635 e no correo electrónico info@ajecoruna.com.