O Concello de Brión inicia este sábado 9 de novembro unha nova tempada do Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura da Biblioteca Municipal de Brión dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto. As sesións terán lugar todos os sábados de novembro ata xuño, ás 11:30 horas, na sala infantil da biblioteca brionesa. A participación é totalmente de balde, previa inscrición na propia biblioteca ou no teléfono 981 50 99 69.
O Club Camaleón pretende achegar o mundo dos libros ás crianzas dun xeito lúdico, potenciando a lectura colectiva e individual, así como a súa creatividade, para o que tamén se organizarán obradoiros artísticos-creativos. Unha iniciativa que cada ano vai gañando máis participantes, o que fixo que o Concello de Brión decidira en 2018 cambiar a súa periodicidade de mensual a semanal.