O Club Lousame Deportes e o Concello de Lousame ofrecen 450 prazas para o Trail, convocan a III Andaina solidaria con ASGPOH e organizan unha nova proba para os máis cativos: o I Pequetrail
O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte organizan por terceiro ano consecutivo o Trail San Silvestre “Minas de San Finx”, que terá lugar durante a mañá do domingo 29 de decembro. Unha proba para a que se ofertan un total de 450 prazas e cuxo prazo de inscrición abrirase hoxe mércores 5 de novembro, ás 22:00 horas, na web www.emesports.es.
Aínda que a saída volverá ter lugar no poboado mineiro de San Finx, as 450 persoas que participen poderán desfrutar dun novo circuíto con dúas modalidades: Trail Curto de 16 km e dificultade media/baixa; e Trail Longo de 25 km e dificultade media. En ambos casos, o prezo das inscricións é de 15 euros. Dende a organización animan a todas as persoas que desexen participar a que formalicen a súa inscrición canto antes, xa que unha vez cubertas as 450 prazas ofertadas se pasará a formar parte dunha lista de agarda.
A que non ten límites de prazas é a III Andaina “Minas de San Finx”, evento solidario en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e que inclúe un percorrido de 14 km de dificultade baixa. Neste caso, as inscricións terán un prezo de 6 euros e todo o recadado será destinado a esta asociación lousamiá que traballa na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. Así mesmo, o Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte ofrecen este ano unha novidade: o I Pequetrail “Minas de San Finx”, que terá lugar o sábado 28 de decembro, ás 16:15 horas.
O III Trail San Silvestre “Minas de San Finx” está organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame. Conta co patrocinio de Lurbel Precision Garment, Hoka One One, Nosa Infraestructuras e Fermín Simal SL.