Monday 25 de November de 2024

Medio cento de mozas e mozos participarán nas actividades de prevención da violencia de xénero organizadas pola área de Igualdade de San Sadurniño


 

O Concello de San Sadurniño desenvolve ao longo do ano unha chea de actividades para todas as idades que se centran na promoción dunha igualdade plena de dereitos entre mulleres e homes. Charlas, cursos, propostas culturais e deportivas, etc., caracterizadas por unha mensaxe transversal de empoderamento feminino, coeducación e reivindicación dunha sociedade sen violencia por razóns de xénero. Un traballo que se dirixe en boa parte ao alumnado do CPI coa colaboración do seu equipo docente en aplicación das directrices recollidas nos sucesivos Plans de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobados polo Concello e tamén dos acordos adoptados no seo da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Este xoves e mailo martes da semana que vén a Casa da Cultura acollerá unha actividade para o alumnado de 3º e 4º da ESO sobre as redes sociais como novo vehículo de acoso e maltrato, seguida dun obradoiro de autoprotección dirixido ás adolescentes. Nestas propostas apuntáronse 34 rapazas e 22 rapaces.

O programa terá lugar na Casa da Cultura e está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As xornadas do xoves e do martes terán unha estrutura idéntica. Nunha primeira parte -de 15.30 a 17.00h.- desenvolverase a actividade “Fotocotías” impartida pola psicóloga Ana Seijo e a artista multidisciplinar Neves Seara, pertencentes á iniciativa empresarial Casa Morada.

É un obradoiro sobre a violencia machista e o acoso por medio das redes e das tecnoloxías. Whatsapp, Instagram e outras redes forman parte do día a día da adolescencia. Nelas comparten fotos, comentarios e experiencias que replican en certo modo as relacións sociais de sempre, só que nun mundo virtual. Porén, ese concepto idílico dunha comunicación instantánea e compartida ten tamén unha cara B perigosa, xa que a tecnoloxía pode ser empregada como ferramenta de control, de coacción ou de acoso, que non deixan de ser distintas facetas da violencia.

Partindo desta premisa, a sesión terá unha parte descritiva dos distintos tipos de condutas – e outra creativa, a través da elaboración dun diario fotográfico orientado ao empoderamento, a autoimaxe e a denuncia con fotos tomadas desde o móbil. A idea é que a rapazada tome conciencia de si, do seu ser como persoas e non só da imaxe que transmiten ao exterior, condicionada moitas veces polo desexo de aceptación que, tamén moitas veces, vai en contra das propias conviccións e da propia maneira de ser de cadaquén. En outras palabras: que a mocidade se encontre a si mesma -nunha idade de constante debate interno-, que poña en valor a súa individualidade como cerne dun concepto de si positivo e como reforzo da súa autoestima.

A segunda parte das actividades -de 17.15 a 19.15h.- ofrece dúas sesións de autoprotección para rapazas adolescentes titorizadas por persoal especializado da empresa SEDEGA. Aprenderán técnicas básicas de evasión e actuación ante situacións violentas e, ao mesmo tempo, veranse conceptos relacionados, como a autoestima, o reforzo psicolóxico ou as relacións sociais.

Este tipo de obradoiros teñen unha traxectoria de anos en San Sadurniño e, malia levar un título que suxire unha parte física de autodefensa, o que máis se traballa é a anticipación, detectando o chamado ciclo da violencia de xénero. Porque o maltrato non é algo súpeto, senón que vai dando sinais aos poucos -ataques psicolóxicos, violencia verbal, conflitos aos que a muller non lle atopa razón, illamento social-; logo chega a primeira agresión física -golpes ou incluso a violación dentro da parella- que a muller afronta en soidade e a maior parte das veces cun sentemento de culpa -lembremos que a na anterior fase o maltratador se ocupou de anularlle a personalidade-; e, nun terceiro chanzo do ciclo da violencia, vén unha fase de reconciliación ou de “lúa de mel”, onde o maltratador pide perdón e móstrase cariñoso atribuíndolle a súa reacción a circunstancias externas -o traballo, as dificultades económicas, o alcol…-, ademais de expresar o seu compromiso de que nunca máis volverá ocorrer.

Pero sempre volve ocorrer. Unha e outra vez da mesma maneira ata que a muller morre a mans do seu agresor ou ata que é capaz de arrepoñerse e saír dese ciclo, con ou sen axuda externa. Moitas acoden aos Servizos Sociais, denuncian e refán a súa vida lonxe do terror constante. Unha decisión que debe ser propia e con apoio do seu entorno -familia, amizades- e de especialistas que a acompañen nun proceso que leva o seu tempo e que, por desgracia, non garante deixar atrás a estigmatización á que as mulleres vítimas de maltrato se ven sometidas por unha sociedade rexida aínda polo patriarcado.